A Xunta non convoca a CIG á comisión para a elaboración do I Plan de Igualdade

A Administración, que leva 14 anos de atraso no cumprimento da lei, vulnera os dereitos de representación
Nacional - 28 Dec 2021

A CIG-Administración Autonómica denuncia que o director xeral de Función Pública realizou o 21 de decembro unha comisión para a elaboración do I Plan de Igualdade na Administración Xeral da Xunta de Galiza sen convocar a central nacionalista. A esa xuntanza si foron convocadas e asistiron o resto de organizacións sindicais: CCOO, UGT e CSIF. Para a CIG esta actuación responde ao intento de boicot da multitude de propostas presentadas pola central "co fin de mellorar o funcionamento e de recoller máis datos substanciais para a elaboración do Plan de Igualdade".

Lembran que o 23 de decembro cumpriuse un ano da nova constitución da Comisión Negociadora do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza; prazo máximo que a lei dá para ter negociado, elaborado, implantado e comunicado ao Rexistro o Plan de Igualdade. "Mais aquí seguimos, tentando aprobar o Regulamento de Funcionamento da Comisión e acordar que datos deben de ser recollidos para poder efectuar unha Diagnose que sexa efectiva, e non un calote da Administración para dar por concluída unha obriga legal e contar cun Plan de Igualdade floreiro".

Non imos consentir  que se pretenda deixar fóra da negociación a CIG para que así lle sexa máis fácil aprobar calquera cousa"

Denuncia a CIG-Autonómica que o Goberno galego segue sen tomar en serio o Plan de Igualdade e adía reunións, modifica os seus propios documentos ou non cumpre co primeiro paso de todo Plan:  a elaboración dun documento oficial que recolla o compromiso de levar a cabo accións positivas de Igualdade de trato e de oportunidades na empresa, de implantar o Plan na estrutura, e de dotalo dos medios materiais e humanos necesarios para levalo a cabo. Así como facer público e notorio este compromiso "como manifestación positiva da súa firme intención de aprobalo e implantalo na Xunta de Galiza".

"Pero o que resulta intolerábel é que se incumpran os dereitos de representación e participación recoñecidos nas normas fundamentais e que non se convoque a CIG á reunión da Comisión Negociadora do día 21 de decembro", critica o sector de Autonómica da CIG. E non só iso, engaden, senón que Función Pública "siga adiante con esa Comisión co resto de sindicatos deixando fóra ao sindicato maioritario na Administración galega, pretendendo que nos incorporáramos á reunión á última hora, tarde, mal e sen xeito, incumprindo o respecto e a boa fe que deben rexer toda negociación".

Diante deste proceder, xa se solicitou a Función Pública unha nova reunión urxente do Plan de Igualdade, "porque a celebrada sen convocar a CIG non é válida e así será denunciado de non atender esta petición".

14 anos sen Plan de Igualdade

Despois de 14 anos, a Xunta segue a día de hoxe sen ter un Plan de Igualdade, malia ser obrigatoria para as administracións públicas dende que en 2007 se aprobou a Lei de Igualdade. Por iso, a CIG-Autonómica advirte que "non imos consentir agora que se pretenda deixar fóra da mesa de negociación a CIG para que así lle sexa máis fácil aprobar calquera cousa".

"Queremos contar cun verdadeiro Plan de Igualdade de trato e de oportunidades para todo o persoal sen demoras, pero sen atallos, e que a igualdade nesta Administración sexa un compromiso claro e firme e se constitúa, de agora en diante, no alicerce de todas as relacións laborais, e non sexa só unha obriga legal", conclúen.