A Xunta non dá datos da afectación do coronavirus nas súas residencias

Nas integradas nas que todas as persoas usuarias son positivas, aínda non se fixeron tests ao persoal
Nacional - 17 Abr 2020

A CIG-Administración Autonómica denuncia o escurantismo da Xunta de Galiza por non dar datos sobre a afectación do coronavirus, nin de persoas falecidas nos seus centros residenciais. Asegura que nin lle dá os resultados das probas ás traballadoras e traballadores que deron positivo nos seus centros.

Informe remitido á Fiscalía

Segundo explica a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, a Xunta de Galiza parece que comeza por fin a realizar as probas de contaxio polo Covid-19 nos seus centros, logo de numerosas reclamacións e denuncias por parte da CIG ou simplemente porque o numero de positivos era imposible de ocultar.

Sinala que “ante o descontrol previo das medidas preventivas nos centros de traballo consideramos que facer test era a única forma de garantir a saúde laboral do persoal traballador e a poboación de alto risco á que se atende nos centros de Política Social”. Denuncia que porén, “sabemos polo persoal que quedan centros nos que aínda non se fixeron probas, pero a día de hoxe non temos información nin confirmación oficial dos resultados deses test”.

Política Social segue sen dar os datos

Burgos pregúntase por que a consellería de Política Social non dá dados das persoas infectadas polo coronavirus nas súas residencias, malia requirirllo desde o comezo desta crise. “Négase a dar datos de usuarias infectadas, persoas falecidas por causa do virus e incluso non informa das persoas traballadoras que deron positivo dos seus centros”, afirma.

Este “escurantismo” non permite avaliar, segundo a responsábel nacional da CIG-Autonómica, a dimensión real dos contaxiados/as polo virus, “nin permite avaliar a efectividade das medidas de prevención postas en marcha para  proceder a unha revisión ou modificación dos plans de prevención nos centros de Política Social”.

Burgos lémbralle á consellaría que non pode ignorar a lexítima representación dos/as traballadores/as e apunta que “primeiro hai que cumprir os plans de prevención e despois ten que informar de todas aquelas cuestións que afecten á saúde laboral, e en vista dos resultados implementar ou modificar novas medidas de prevención e seguridade no postos de traballo xunto cós comités de saúde laboral”.

Situación nas residencias integradas con todos positivos

Máis escurantista, se cabe, é para a CIG-Autonómica, a falta de información acerca das residencias integradas onde todos os usuarios/as son positivos ao coroavirus, e o seu persoal traballa en quendas intensivas de 12 horas durante 7 días. Persoal ao que asegura que “aínda non se lle fixo un test para garantía e tranquilidade da persoa, dos seus compañeiros/as e da súa familia, nin teñen pensado facerllo segundo confirma a propia consellería”.

Cesión de persoal público a residencias privadas

Para Zeltia Burgos “o colmo” é que se está a enviar persoal publico a residencias privadas, con declaración de intervención ou integración ou sen ela, “nunha estraña sorte de cesión de persoal onde só existen obrigas laborais e poucos dereitos e nin se garante nin un EPI axeitado e moito menos formación preventiva ante o contaxio do COVID 19”. Unha cesión provocada polo alto numero de contaxios entre usuarias e traballadoras en centros “onde as medidas preventivas fronte o covid non existen”.

Tests a persoas usuarias e traballadoras

Esta Consellería sempre se aproveita da profesionalidade dos e das empregados/as públicos para realizar as funcións de asistencia e coidado das persoas dependentes

Por todo isto a CIG-Administración Autonómica demanda a “realización dos test a usuarios/as e persoal, que se nos dean os resultados e que se tomen as medidas de prevención necesarias xunto cós representantes do persoal”.

Lembra que xa o pasado día 26 de marzo entregaron á Fiscalía de Galiza un informe coa situación a nivel de prevención de riscos laborais dos centros sociais residenciais entre os que están as residencias de maiores, de menores e o centros de atención a discapacidade dependentes da  consellería de Política Social. Un informe no que se aportaban os datos proporcionados polo propio persoal traballador dos centros.

Ante o apagón informativo a CIG-Administración Autonómica volveu facer outra nova recollida de información -que veñen de remitir novamente á Fiscalía- á que engadiron a situación de positivos e se se fixeron ou non test. Datos, ambos que, segundo explica Burgos, son de vital importancia entendendo que é a única forma de actuar axeitadamente contra a expansión do virus e coñecer a súa presenza real.