A Xunta pretende negociar agora un Plan de Igualdade "exprés e sen garantías para o persoal"

O sector de Autonómica da CIG critica as présas da Administración tras 12 anos de absoluto desleixo

Nacional -

12 anos despois da entrada en vigor da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, a Xunta de Galiza segue sen contar cun Plan de Igualdade para o seu persoal, a pesar de ser obrigatorio para as empresas e entidades que teñen máis de 250 traballadoras e traballadores.

O sector de Autonómica da CIG-Administración explica que arredor de 20.000 persoas empregadas públicas da administración xeral da Xunta estarían acollidas por este plan, pero quedaría nunha situación incerta o persoal de entidades como o IGAPE, o Consorcio, Itmar ou Portos de Galiza,  xa que o Goberno galego manifestou que non ten intención de incluílo.

"Dende a CIG levamos tempo esixindo a realización do Plan de Igualdade, que é unha ferramenta importantísima para garantir que non haxa discriminacións nin diferenzas salariais, para superar a infrarrepresentación feminina nalgúns colectivos, e para facilitar a conciliación laboral, persoal e familiar".

Porén, critica Berta Castaño, delegada da CIG para a negociación do plan, a Xunta de Galiza, que até o momento tivo unha actitude "de desleixo absoluto", pretende agora sacar adiante "un plan exprés", porque se lle vén enriba o prazo marcado polo Real Decreto-lei 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación, polo cal debería estar implantado o plan en marzo do 2020.

Non houbo constitución previa da comisión negociadora

Deste xeito, engade Castaño, a Xunta convocou o pasado 19 de setembro ás organizacións sindicais á 'Presentación da fase de diagnose' "sen sequera aplicar as ferramentas que obriga a lei para a elaboración do Plan de Igualdade, como é a constitución previa da comisión negociadora do plan, comisión que dá por constituída e que inventa 4 días despois unicamente para salvar o requisito da lei", denuncia. Pero ademais, dita comisión resulta "desigual, non paritaria, ten sobrerrepresentación da Administración, e a presidencia e a secretaría foi auto-outorgada para si propia pola Administración".

Diante deste cúmulo de despropósitos,o sector de Autonómica da CIG vén de presentar escritos perante a Xunta denunciando esta situación "e esperamos que dea un xiro de cara a conseguir un bo Plan de Igualdade para todo o persoal e que non sexa só papel mollado".

Volver