A Xunta renuncia a regular a compatibilidade do persoal fixo descontinuo precarizando as súas condicións

Eludiu abordar a cuestión na Mesa Xeral de Empregadas/os Públicas/os

Nacional -

A CIG-Administración Autonómica denuncia que a Xunta renunciou a regular a compatibilidade do persoal fixo descontinuo con outro posto de traballo nos períodos de inactividade deste contrato na Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as abocando a estas traballadoras e traballadores á precariedade.

Explica que se trata de contratos que teñen, en moitas ocasións, xornada igual ou inferior, sen chegar ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) en cómputo anual (exemplo 5 meses). Así converten aos traballadores e traballadoras que ocupan postos fixos descontinuos “en empregados públicos escravos e condenados a precariedade”, denuncia.

Fronte a isto consideran que esta interpretación torticeira da normativa estatal de incompatibilidades por parte de Función Pública “vulnera o dereito ao traballo do persoal e ao sostemento das familias dun xeito digno”.

Por todo isto, a CIG-Adminsitración Autonómica vén de solicitar na Mesa Xeral de Empregados Públicos que a Xunta rectifique e habilite normativamente a posibilidade de compatibilizar os períodos de inactividade do contrato (suspensión) con outra actividade retribuída. Do mesmo xeito solicita que se permita cautelarmente a compatibilidade das solicitudes mentres se tramita a nova norma.

Nesta mesa “a Xunta renuncia de cabeza a intentar solucionar o problema da incompatibilidade e afirma que non é competente para facelo. Sabemos que si se pode si se quere polo que dende a CIG - Autonómica instamos á Xunta a que defenda ao seu persoal e non pechamos ningunha outra vía para conseguilo”, conclúen.

Volver