Aborto libre e garantido na sanidade pública

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas, ás 20:00 horas, en cidades e vilas
Nacional - 27 Set 2023

A CIG, como parte integrante da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, súmase á campaña que a organización feminista está a desenvolver con motivo da conmemoración do 28 de setembro Día de acción global polo acceso ao aborto legal e seguro. Unha xornada na que tamén se convocan mobilizacións en cidades e vilas.

Por un aborto libre e seguro na sanidade pública galega, acude ás concentracións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres na Galiza:

MOBILIZACIÓNS

A Coruña 20h no Materno

Compostela 19:30 no CHUS

Ferrol 20h no Hospital Arquitecto Marcide

Lugo 20h no HULA

O Porriño 20h no Centro Médico

Ourense 20h no CHUOU

Pontevedra 20h Hospital Provincial

A seguir reproducimos o Manifesto da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza:

“O 28 de setembro é o Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro. Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres reivindicamos a necesidade de facer efectiva a interrupción voluntaria do embarazo en Galiza na sanidade pública.

Este dereito, que foi conseguido polo movemento feminista no ano 2010, hai 13 anos, volve estar en perigo no noso país. Non é a primeira vez que isto acontece desde a aprobación da lei do 2010, para o movemento feminista galega o dereito ao aborto foi unha constante en desputa, primeiro co Partido Popular de Feijóo e agora co de Rueda.

Son coñecidos por todas os innumerábeis intentos de desmantelamento da sanidade pública por parte do Partido Popular. Levamos anos denunciando a imposibilidade de realizar todos os tipos de interrupcións voluntarias do embarazo nas diferentes áreas sanitarias, o desmanentelamento dos centros Quérote+, dos CIMM e o financiamento público da derivación destas ives á sanidade privada.

Hai menos dun mes sinalabamos como as políticas da Xunta de Galiza agravan a saúde das mulleres.  Políticas como a licitación de convenios para a derivación de abortos a clínicas privadas por 1,4 millóns de euros que poderán chegar aos 2,5 millóns.

Así, o dereito ao aborto seguro e na sanidade pública é aínda hoxe unha conquista pendente en Galiza. A administración pública debe contar con recursos suficientes na rede sanitaria pública galega para facer efectivo este dereito e non favorecer que as IVEs se convirtan nun negocio máis para as clínicas privadas, financiadas cos cartos de todas.

Non pode ser que non consigamos garantir as interrupcións voluntarias do embarazo nas nosas áreas sanitarias pola incompetencia da Xunta de Galiza e a súa xestión nefasta do SERGAS e que, aínda por riba, os concertos que nos custan millóns obriguen, en moitos casos, a termos que nos desprazar tamén fóra da nosa área sanitaria, tendo que dispór dun medio de transporte axeitado e co conseguinte risco despois dunha intervención destas características. Aliás,  a consideración das autoridades sanitarias da interrupción do embarazo como un procedemento menor sen riscos é un claro desprezo á nosa saúde. Como calquera actuación en saúde, a práctica abortiva non está exenta de riscos e repercusións nos nosos corpos ás que cómpre prestar atención.

Tampouco a obxección de conciencia do persoal sanitario pode ser motivo para que a sanidade pública non conte con persoal suficiente para garantir as intervencións. Ben mellor sería destinar os recursos cos que se dotan os convenios da privada a cubrir as necesidades da pública.

Hoxe, 28 de setembro, o movemento feminista galego segue a reclamar o dereito ao aborto libre, seguro, universal e gratuito na sanidade pública galega, demandamos da Xunta de Galiza que garanta:

-  Unha materia no ensino obrigatorio con contidos específicos sobre educación afectiva-sexual, relacionamentos, identidade e xéneros.

-  A creación dunha liña de programas de formación e divulgación sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIMM e en colaboración coas entidades locais.

-  Campañas específicas de acceso a anticonceptivos e programas de educación afectiva-sexual a través dos centros Quérote+.

-  O incremento do número de matronas na sanidade pública.

Dereito ao aborto garantido na pública XA! Seguiremos en marcha até que todas sexamos libres.”