Acadada a subrogación do persoal de Segur Ibérica no Campus do Esteiro

Ferrol -

A CIG-Servizos de Ferrol vén de informar que o persoal de Segur Ibérica no campus de Esteiro pasará a ser subrogado pola empresa ASTRA, a partir do vindeiro 1 de febreiro. Un cambio, sinalan, que se puido acadar "grazas ás xestións realizadas pola CIG e ás mobilizacións realizadas polos traballadores e as traballadoras". Non obstante, apuntan que aínda queda por resolver que Segur Ibérica pague a este persoal as cantidades adebedadas, asunto do que xa se está encargando a asesoría xurídica da central sindical.

"Por desgraza, a loita coa empresa Segur Ibérica aínda non rematou para os compañeiros do Centro Comercial Porta Nova e FIMO. Seguiremos realizando as xestións tal e como viñemos facendo até o de agora, e non descartamos realizar mobilizacións para instar ao Concello de Ferrol que axilice os trámites para que a subrogación se faga á maior brevidade posíbel", engaden nun comunicado.

Desde a CIG-Servizos de Ferrol agradecen a confianza depositada polos compañeiros/as desta empresa: " é un orgullo seguir loitando ao seu lado polos dereitos dos traballadores/as".

Volver