Acádase un preacordo entre o comité da empresa de recollida de lixo de Lousame e a concesionaria

Se a asemblea o ratifica desconvocarase a folga prevista a partir do día 21

O comité de empresa da planta de recollida de lixo de Lousame chegou onte a un preacordo coa concesionaria que recolle, no substancial, todas as súas demandas. Esta tarde está convocada unha asemblea de traballadores e traballadoras e, de se ratificar o acordo acadaddo, a folga prevista a partir do día 21 de decembro quedará desconvocada.

O comité de empresa manifesta a súa satisfacción porque o preacordo contempla o plus de tóxicos que demandaban xunto con outras melloras. Isto suporá para as categorías máis baixas un incremento salarial, xa para o ano que vén, de 110 euros mensuais, e que ese incremento chegue a un 14% en catro anos, ademais de conseguir tamén incremento en festivos e 1 día máis de asuntos propios.

Con todo, este preacordo ten que ser ratificado polas traballadoras e traballadores e a está convocada unha asemblea que terá lugar esta mesma tarde. De se confirmar, a folga anunciada a partir do día 21 de decembro quedaría desconvocada.

Volver