"Acciona non paga, o SERGAS consinte". Persoal da limpeza do HUAC continúa mobilizándose polos seus dereitos

A Coruña - 15 Feb 2024

Ao berro de "Acciona non paga, o SERGAS consinte", as traballadoras e os traballadores do servizo de limpeza do Hospital da Coruña continuaron este xoves co calendario de protestas para reclamarlle á empresa concesionaria que cumpra co acordo de melloras pactado para o persoal do SERGAS e que tamén é de aplicación para o persoal das súas contratas.

Na concentración deste xoves, que se repetirá por terceiro día consecutivo mañá, venres, volveron participar ducias de traballadoras e traballadores que lle reclamaron á Xerencia do hospital que interveña ante o manifesto incumprimento por parte de Acciona.

A empresa pretende absorber os incrementos retributivos e a redución da xornada anual coas melloras nestas materias que o persoal da limpeza do HUAC xa conseguira hai unha década por sentenza xudicial. Chus Gómez, delegada da CIG, explica que o persoal tivera que reclamar no xulgado contra os recortes de dereitos aplicados pola daquela concesionaria da limpeza, coa escusa dos recortes ao persoal empregado público.

A xustiza deulle á razón as traballadoras e traballadores e agora Acciona "que dende que entrou no servizo nunca puxo en cuestión estes dereitos, xustifícase nestas pequenas melloras que temos na limpeza do HUAC para dar por cumprido o acordo do SERGAS".

A representante da CIG apunta que no propio acordo de melloras pactado para o persoal do SERGAS recóllese que estas serán de aplicación a todas as súas contratas (limpeza, mantemento, electromedicina etc.), "pero o que quere facer Acciona non é cumprir o acordo, é absorber e vulnerar os nosos dereitos". E engade que noutros servizos tamén adxudicados a Acciona non están tendo esta problemática.

No día de onte, despois da concorrida mobilización do persoal, a empresa púxose en contacto co presidente do comité (CIG) para sentar negociar, mais limitándose á cuestión económica e sen querer entrar a falar da redución da xornada. Pretensión pola que o persoal non está disposto a pasar.

Por iso, as protestas continuarán até conseguir que Acciona cumpra con todos os termos do acordo.