Acusan a CCOO de desleal co persoal dos serradoiros e de antepoñer os seus intereses á boa marcha do convenio

A CIG-Construción da Coruña rexeita as acusacións de “conivencia” coa patronal polo atraso na negociación
A Coruña - 19 Set 2019

A Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña vén de amosar a súa estupefacción pola nota de prensa freita pública por CCOO na que acusa á central nacionalista de “conivencia” coa patronal polo atraso no inicio das negociacións do novo convenio provincial de Rematantes e Serradoiros e reclámalle aos responsábeis da central española que no futuro actúen con “seriedade e lealdade” co persoal do sector “e non antepoñan os seus intereses electorais á boa marcha do convenio”.

Mario Maceiras, responsábel de negociación colectiva da FCM da Coruña, explica que a central española redactou a nota de prensa dirixindo gravísimas acusacións contra a CIG antes de establecer ningún tipo de contacto con patronal ou co resto de sindicatos a respecto do convenio. “Só unha vez publicado ese escrito contactaron coa patronal, o que demostra que a decisión de publicar a crítica á CIG xa estaba adoptada antes de coñeceren sequera en que punto estaban os contactos para iniciar as negociacións do novo convenio”, critica. 

Se non se constituíu aínda a mesa negociadora do novo convenio foi por causas alleas á CIG

Maceiras aclara que a situación do convenio é perfectamente normal, pois malia que caducou en 2018, conta cunha cláusula de ultraactividade que o garante en todas as súas condicións até a sinatura dun novo, “e se non se constituíu aínda a comisión negociadora foi por cuestións desde logo alleas á CIG, quen si ten feito diversos contactos informais para iniciar as negociacións”.

Relacións normais entre as partes

En todo caso, asegura que as relacións son, ou cando menos o eran até o de agora, normais entre as partes, “e de feito o convenio que agora rematou fora asinado por todas as centrais, malia a maioría absoluta da CIG no sector”.

Do mesmo xeito, a FCM lembra que na reunión do pasado 10 de xaneiro as distintas centrais instáronse a achegar as súas plataformas de cara a formular unha plataforma unitaria do novo convenio, coma vén sendo o normal no sector. “A plataforma da CIG leva meses elaborada, mais ninguén de CCOO, a quen agora parecen entrarlle de repente as présas, se dirixiu a nós en nove meses, e de feito a primeira noticia que temos até hoxe da súa plataforma foi pola prensa”.