Adiado o xuízo contra Lidl por vulneración do dereito á folga até o 28 de marzo

Narón - 21 Mar 2023

O xuízo contra a empresa Lidl por vulneración do dereito fundamental á folga que estaba previsto comezara hoxe, martes 21 de marzo, foi adiado até o próximo 28 de marzo a petición da parte demandada, cuxo letrado alegou que xa tiña fixado outro xuízo e non podía acudir á citación do xulgado de Ferrol.

Non obstante, os traballadores e as traballadoras do almacén de Lidl en Narón continúan adiante coa folga indefinida para demandar o cumprimento do convenio colectivo, un reforzo do cadro de persoal e unha mellora das condicións laborais. Malia os intentos de boicot e a rotunda negativa da empresa a sentar negociar, prolongado así o conflito dunha maneira incomprensíbel, o persoal está en disposición de seguir coa loita até conseguir que se atendan as súas xustas reivindicacións.

Para dar máis visibilidade á súa loita e á folga iniciada xa o pasado 14 de febreiro, esta semana o persoal ten convocadas as seguintes mobilizacións:

- Xoves 23 de marzo, ás 09 horas caravana de vehículos con saída do almacén de Lidl no Polígono de Río do Pozo e remate por volta das 12 horas no supermercado que a compañía alemá ten no Polígono da Gándara.

- Venres 24 de marzo, ás 09 horas, andaina dende a rotonda de Freixeiro (dirección autovía), incorporación a AP9 dirección Ferrol, saída rotonda de Basanta, rotonda Babío, rotonda de Alcampo e remate na tenda Lidl da Gándara.