Advirten do deterioro do servizo de limpeza viaria da Coruña pola falta de persoal e de medios adecuados
A sección sindical da CIG na UTE A Coruña Limpeza advirte do progresivo deterioro do servizo de limpeza viaria debido á falta de persoal, ao mal estado da maquinaria e das ferramentas, ao desvío de medios humanos e materiais a outros servizos non contemplados nos pregos, así como á incapacidade de xestión da empresa adxudicataria (con FCC á cabeza).
A representación da CIG denuncia a actual situación do servizo “que non está cumprindo co seu cometido e está dexenerando nun abandono e desinterese xa non preocupante, senón alarmante”. Por iso, instan o Concello da Coruña, como responsábel do contrato, a que comprobe a precariedade na que se presta o servizo e que obrigue a empresa concesionaria a cumprir co recollido nos pregos de condicións.
Escaseza “endémica” de persoal
Entre as causas principais deste “desbaraxuste” sinalan á política de contratación da empresa, “que parece máis dirixida a precarizar o persoal e asoballar as traballadoras e traballadores” que a resolver a falta de efectivos para poder cubrir os servizos coa calidade exixida. A isto súmase “unha escaseza endémica de persoal”, que segundo a empresa “conta co beneplácito do Concello”, e un aumento das tarefas encomendadas aos varredores e varredoras, ao tempo que se eliminan equipos de traballo.
Poñen o foco tamén no estado da maquinaria, que en moitos casos non está en condicións adecuadas e sofre avarías constantes. Este deterioro agrávase ao non contar cunhas tarefas de mantemento e un servizo de taller axeitados. As ferramentas tampouco están nas condicións idóneas para realizar as tarefas de limpeza e en moitos casos non son adecuadas.
Por se non fora abondo, alertan que a empresa desvía persoal e material a servizos que non están recollidos no prego de condicións, priorizando a limpeza e varrido destas áreas sobre os servizos que si contempla o prego. Tal é o caso da limpeza das áreas infantís (adxudicada á empresa Arce, pero da que se encarga o persoal da UTE A Coruña Limpeza), ou á limpeza en determinados eventos de zonas do Porto, que nin sequera son de titularidade do Concello, e que debería realizar a empresa López Cao.
Doutra banda, a sección sindical da CIG denuncia o nulo interese da empresa pola aplicación das medidas de prevención de riscos e saúde laboral, o que repercute nun aumento das baixas, que moitas veces non se cobren, e nun menor rendemento diario.
Todo isto, engaden, acompañado “pola falta de compromiso dos mandos, máis centrados noutro tipo de cuestións que nos problemas do día a día”, unha total ausencia de coordinación e a desorganización nos traballos diarios.
Dadas estas circunstancias, a representación da CIG solicita a comprensión da cidadanía “por non poder desenvolver as tarefas de varrido e limpeza coa eficacia e a dilixencia que o persoal quixera”. E neste sentido, piden que non se culpe as traballadoras e traballadores polo servizo deficitario, senón a quen ten a responsabilidade real desta situación e a capacidade de pórlle solución: a empresa UTE A Coruña Limpeza.