Albada continúa sen arranxar as deficiencias da planta, un mes despois de rematar o prazo dado pola Inspección de Traballo

Os delegados de prevención solicitaron información das medidas que ten previsto adoptar a Inspección
A Coruña - 07 Abr 2026

Os delegados de prevención de Albada acudiron este martes á Inspección de Traballo para interesarse polo grao de cumprimento do requirimento feito á empresa para que subsanara toda unha serie de deficiencias na planta de Nostián. Hai que lembrar que o requirimento tiña como prazo máximo de execución o 3 de marzo, pero a día de hoxe a empresa continúa sen resolver cinco puntos.

A representación do persoal solicitou por escrito información para coñecer se a Inspección fixo algunha comprobación do grao de cumprimento, se vai actuar neste sentido e se iniciou expediente sancionador, tendo en conta que Albada segue sen executar as obras requiridas, cando xa transcorreu máis dun mes do prazo máximo.

As cuestións que a empresa non solventou refírense ao acondicionamento e á rehabilitación do firme nas vías de paso da maquinaria, que están cheas de fochancas, constituíndo un perigo para a circulación e un agravamento da carga física do persoal condutor ao carecer de amortiguación.

Tampouco se acometeron actuacións para evitar a entrada de auga na nave de pre-tratamento, xa que se inunda e é unha zona de paso; e non se repararon aínda os tellados e as fachadas das naves, que teñen importantes furados por onde entra a auga da choiva. Esta situación, tal e como recolle a Inspección no seu requirimento, constitúe un risco para as traballadoras e traballadores xa que a auga se filtra pola instalación eléctrica.

Xunto a isto, a empresa segue sen adecuar aseos nas proximidades dos postos de traballo nin se fixo a revisión e disposición dos extintores na nave de pretratamento para garantir que sexan de fácil acceso en caso de incendio.

Diante destes reiterados incumprimentos en materia de prevención e seguridade, os delegados de prevención urxen a que se tomen medidas oportunas por parte da Inspección, pero tamén fan un chamado ao Concello da Coruña, como titular das instalacións, para que supervise as precarias condicións nas que o persoal ten que desenvolver o seu traballo “nunha planta que cae aos anacos, mentres seguen sen publicarse os pregos da nova licitación”.

Concentración este xoves en María Pita

Neste contexto, e coincidindo coa celebración do pleno municipal, o comité  de Albada ten convocada unha concentración para este xoves, 9 de abril, ás 09:30h, na Praza de María Pita en resposta ao empeoramento das condicións económicas e laborais que está a sufrir o persoal, polo estado lamentábel da planta de Nostián e o incumprimento dos requirimentos da Inspección de Traballo; a falta de persoas traballadoras suficientes; e a demora na publicación dos novos pregos de condicións.