Almacéns paralizados e tendas pechadas ou en mínimos na nova xornada de folga no comercio de alimentación da Coruña

O persoal manifestouse na cidade herculina para demostrar a disposición a seguir na loita por un convenio digno
A Coruña/Ferrol/Compostela - 13 Out 2026

O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña chegou este martes á decimo cuarta xornada de folga (a terceira no mes de outubro) en demanda dun convenio digno. Un día máis, o paro rexistra un seguimento masivo cos almacéns e plataformas loxísticas sen actividade e con tendas pechadas ou abertas coas seccións sen actividade e tirando de persoal eventual.

Ademais dos piquetes informativos despregados nas tres cidades e principais vilas da provincia, as traballadoras e traballadores manifestáronse na Coruña para dar máis visibilidade ás súas xustas reivindicacións, que non son outras que ter uns salarios que lles permitan chegar a fin de mes, descansos xustos ou que se recoñeza a súa antigüidade.

“Reivindicamos unhas condicións de traballo e uns salarios dignos nun sector no que existen empresas con grandísimos beneficios”, aseverou Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación. Criticou que dende o pasado mes de agosto a patronal non se moveu un milímetro das súas posicións e nin sequera chamou para seguir negociando.

Se non hai avances, haberá folga no nadal

Empresas como Gadis e Froiz, que controlan este convenio, “prefiren deixar de ganar cartos folga tras folga, soportar unha crise de reputación entre a clientela e ter as tendas desabastecidas durante semanas, antes que chegar a unha solución”, lamentou. Nestas circunstancias, Pérez informou que as asembleas de persoal xa acordaron continuar coas mobilizacións e ir á convocatoria de folga no nadal, os días 22, 23 e 24 de decembro.

Sobre as demandas sociais, o representante da CIG reiterou que se está reclamando unha suba salarial que permita a recuperar manter o poder adquisitivo, que se recompense a antigüidade, a redución da xornada laboral e melloras de conciliación “que a patronal presume que xa puxo enriba da mesa, pero que non son reais”.

Desmontou o argumento da patronal de que non pode mellorar os salarios porque perdería competencia no sector, pondo o acento no feito de que no convenio de comercio de alimetación Pontevedra os soldos son moito máis elevados, se abona a antigüidade “e a competencia que teñen Gadis e Froiz é coas mesmas empresas que aquí”.

 

Neste liña, no manifesto lido ao remate da mobilización da Coruña, Alejandra Varela, presidenta do comité provincial de Mercartabria (Gadis) denunciou que “o único interese da patronal  é competir pagándonos un salario de miseria, impoñéndonos xornadas penosísimas e sen descanso”. “Presumen de galegas e queren convencernos de que vivir como galegas significa non chegar a fin de mes”, rexeitou.

Fronte a esta postura patronal, exixiu uns salarios dignos “acordes cos beneficios que xeramos, porque nós somos quen día tras día producimos os millóns que van parar a outras mans”. Reclamou a Gadis e Froiz que retomen a negociación e senten na mesa con propostas que realmente permitan chegar a un acordo de convenio, porque do contrario, “haberá unha grandísima folga no nadal”.