Amplíase o seguimento na segunda xornada de folga por un convenio digno no metal de Lugo

Lugo - 23 Mai 2023

A segunda xornada de folga no siderometal e no comercio do metal da provincia de Lugo está rexistrando un seguimento máis amplo que o paro do día 10. Para a CIG-Industria esta resposta maioritaria evidencia a disposición dos traballadores e das traballadoras do sector a pelexar para conseguir uns salarios xustos e mellores condicións laborais.

Como na xornada anterior, o groso do piquete mobilizouse no Polígono do Ceao e as Gándaras, na cidade de Lugo. Aínda que desta volta, ao contar con maior participación o piquete dividiuse en varios gripos para poder visitar máis centros de traballo. Ao seu paso, e ao berro de "convenio do metal, solución", compañeiras e compañeiros que aínda non estaban participando na folga íanse sumando ao paro.

E aínda que incidencia foi algo menor na Mariña, a folga tamén tivo un seguimento practicamente total no resto da provincia, coa actividade das empresas de Vilalba, Monforte ou Sarria paralizada.

"Estamos en pé loitando polo convenio"

O momento central da xornada foi a multitudinaria manifestación que discorreu pola zona da Campiña e que rematou diante da sede da patronal dos talleres, APREVAR. Alí, o representante da CIG-Industria, Afonso Losada, destacou a elevadísima participación tanto na folga como na mobilización: "somos moitas e moitos os que estamos aquí, en pé, loitando polo convenio do metal e o convenio do comercio do metal, pero mañá seremos máis. E temos que seguir na mesma liña, presionando na rúa e explicándolle ás compañeiras e compañeiros cales son os motivos da folga e convidándoos a vir".

Losada referiuse á xornada de folga que está convocada para o próximo xoves, día 25, ante a parálise nas negociacións, xa que dende a última reunión, a patronal non fixo ningún movemento nin convocou a mesa. Para este xoves está prevista unha gran manifestación por toda a Avenida da Coruña que sairá ás 12 horas dende o alto de Garabolos até a sede da Confederación de Empresarios.

"Temos que encher Lugo de traballadores/as do metal. A cidadanía ten que saber que os traballadores/as están defendendo o seu convenio, as súas condicións salariais e laborais, as súas condicións de vida", reiterou.

Xa están convocadas cinco xornadas máis de folga

No remate da manifestación xa se adiantou que, ante a falta de avances, a folga continuará e intensificarase de maneira progresiva até tomar carácter indefinido, de ser preciso. Así, a semana próxima farante dous paros xerais o mércores 31 de maio e venres 2 de xuño; pero na semana posterior a folga xa será de tres días: 6, 7 e 8 de xuño.

"A patronal debe tomar nota da resposta que está dando o sector e ten que dar un paso adiante, convocar a mesa e asumir incrementos salariais que garantan o poder adquisitivo, as revisións anuais conforme ao IPC e o abono da totalidade dos atrasos xerados", afirmou Losada.

Garantir o poder adquisitivo dos salarios

A este respecto, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi', aseverou que a folga está consolidada e conta co respaldo maioritario do persoal. "Os traballadores e traballadoras entenden que a perda de poder adquisitivo que sufriron durante os últimos anos non se palía simplemente co recollido no acordo de negociación colectiva que acaban de asinar en Madrid".

Apuntou que neste momento "cómpre recuperar a capacidade adquisitiva dos anos 2021 e 2022, nos que os salarios perderon máis dun 13%. Este é un convenio no que a patronal se está facendo máis dura á hora de asumir os atrasos que debe pagar polo ano 2022. E para os próximos tres anos non vale tampouco unha revisión topada ao 1%, senón que se ten que garantir o mantemento do poder adquisitivo".