• Nova

Amplo seguimento na nova xornada de folga en Inditex contra o ERE encuberto nas tendas e a precarización

A multinacional destrúe emprego e empeora as condicións das traballadoras cando vén de anunciar beneficios millonarios
Ferrol - 10 Xun 2021

As traballadoras e os traballadoras das tendas Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear da provincia da Coruña están secundando este xoves unha nova xornada de folga (nesta ocasión un paro parcial de 11 a 15 horas) en rexeitamento ao ERE encuberto que Inditex está a levar adiante baixo a escusa da dixitalización das vendas. A folga está rexistrando un amplo seguimento que se viu reflectido na asistencia á concentración que o persoal realizou este mediodía no Centro Comercial Odeón de Ferrol.

Nesta comarca, Inditex vai desmantelar practicamente a súa rede comercial física e estalle ofertando ao persoal afectado polos peches "recolocacións en condicións de auténtica miseria", a tal punto que lles ofrece vacantes noutras provincias con xornadas de nove horas semanais. No caso da cadea Massimo Dutti, o grupo aproveita a dixitalización para liquidar as tendas a baixo custe, "mais na realidade o que hai aquí é un problema de pésima xestión comercial da marca".

Beneficios millonarios e incremento espectacular das vendas

Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, denuncia que Inditex estea destruíndo emprego nas tendas e pretenda precarizar as condicións das traballadoras e dos traballadores escudándose no cambio de modelo de negocio, cando onte mesmo anunciaba uns beneficios de 412 millóns no primeiro trimestre, e cando podería reciclar e recolocar a todo este persoal, xa que se están creando novos postos para atender a venda electrónica, que tivo un aumento espectacular e constante no último ano.

"O que evidencian as cifras anunciadas onte é que grazas á dixitalización Inditex está superando todos os records de vendas e que desta crise, a empresa vai saír reforzada", subliña Pérez, quen engade que neste cambio de modelo de negocio "non existen motivos nin económicos nin comerciais para expulsar as traballadoras ou para empeorarlles as condicións laborais. É unha estratexia de Inditex para abaratar custes, facer 'limpeza' as traballadoras con mellores condicións e abusar do poder que ten no sector do comercio".

A este respecto, advirte que Inditex non quere ofrecerlle as traballadoras das tendas os postos que se están a xerar para atender a venda online "porque non lles quere respectar as condicións polas que levan pelexando moitos anos". Ao contrario, advirte que a multinacional en vez de estabilizar o emprego e dar condicións dignas, "afonda na súa política de subcontratación salvaxe, xa que está externalizando todo os postos de traballo dos almacéns dixitais e dos procesos de reparto online".

A CIG reclama un acordo con garantías reais

Fronte a esta precarización, a CIG vén reclamando a Inditex que sente negociar un acordo de recolocacións sen perda de dereitos, o que significa garantir o mantemento do emprego, respectar as condicións de ingresos, xornada, horarios e categoría que ten o persoal e realizar o mínimo traslado posíbel.

O grupo de Amancio Ortega ampárase no acordo asinado con CCOO e UGT en Madrid para vender que mantén o emprego, pero ao non garantirse ningún dereito, nin sequera os calendarios ou que os traslados sexan na mesma localidade ou nunha próxima, o que acontece  é que as traballadoras acaban renunciando ao seu posto por non poder asumir as novas condicións.

Neste senso, Roberto Pérez lamenta que CCOO e UGT se presten a colaborar coa empresa nesta ofensiva, e critica as actuacións da representación de UGT nalgunhas localidades "nas que se dedican a andar polas tendas meténdolle medo ás traballadoras para que non secunden as mobilizacións e folgas convocadas pola CIG".