Andaina reivindicativa dos traballadores e traballadoras do almacén de Lidl que xa levan seis semanas en folga

Narón - 24 Mar 2023

Os traballadores e as traballadoras do almacén de Lidl en Narón realizaron este venres unha andaina reivindicativa dende a rotonda de Freixeiro até a tenda que a compañía alemá ten no Polígono da Gándara. Con esta marcha queren visibilizar a loita que están a soster dende o pasado 14 de febreiro, cando comezaron unha folga indefinida para demandarlle á empresa que cumpra co convenio colectivo, reforce o cadro de persoal para poder asumir a sobrecarga de traballo que hai e mellore as condicións laborais no almacén.

Os traballadores e as traballadoras levan seis semanas en folga ininterrompida e a pesar da parálise na actividade do almacén loxístico de Narón, a empresa mantén un incomprensíbel mutismo, negándose a sentar co comité, abrir unha vía de negociación e chegar a un acordo que permita resolver as problemáticas laborais que o persoal vén denunciando dende hai catro anos.

Até o momento, a empresa unicamente se limitou a intentar boicotear a folga e minimizar os seus efectos, subministrando as mercadorías aos supermercados dende outros almacéns que ten no Estado. Unha actuación vulneradora do dereito fundamental á folga que foi denunciada nos xulgados e para a que, despois dun primeiro adiamento, está fixada vista para  o próximo martes, 28 de marzo.

Coincidindo co xuízo, o persoal ten convocada tamén unha concentración ás 11 horas nos xulgados de Ferrol en rexeitamento a actitude patronal e para reclamarlle que sente negociar e cumpra co estabelecido no convenio colectivo.

Ademais das mobilizacións realizadas pola comarca para dar visibilidade ao conflito, como a andaina deste venres ou as diversas caravanas de vehículos e concentracións no Lidl da Gándara, o persoal tamén mantén un piquete informativo continuo diante das instalacións de Narón.

As crianzas súmanse ás reivindicacións

Hoxe, coincidindo coa hora da saída do persoal directivo da planta, as crianzas dos e das traballadoras sumáronse ás protestas laborais portando cartaces reivindicando os salarios que as súas nais e pais están deixando de percibir pola conflito que a empresa prolonga de maneira innecesaria coa súa postura intransixente.