Arranca a folga nas tendas de Inditex con éxito de seguimento

A Coruña - 24 Nov 2022

A primeira xornada de folga nas tendas de Inditex da provincia da Coruña está rexistrando un amplísimo seguimento. Aínda que a convocatoria de paro deste xoves fíxose pensando naquelas marcas nas que a multinacional adianta as ofertas do Black Friday, (como Massimo Dutti ou Tempe), na cidade herculina moitas traballadoras doutras cadeas acordaron sumarse xa á folga, avanzando así que a xornada de folga do mañá venres (á que se suman todas as cadeas e localidades da provincia) será un rotundo éxito.

Deste xeito, na Coruña as tendas de Massimo Dutti, Stradivarius e Oysho permanecen pechadas, mentres que outros comercios como os Zara do CC Catro Camiños abriron as portas a primeira hora, mais tiveron que baixar a reixa despois de que as traballadoras decidiran secundar a folga.

Tamén pechou a tenda Tempe (de venda de calzado) que o grupo ten no Outlet de Culleredo e o Massimo Dutti de Compostela. Noutras tendas de Bershka, Pull&Bear ou Zara Home a actividade estivo a medio gas, xa que tiveron que abrir só con persoal eventual e os/as encargadas das tendas.

O amplísimo seguimento que está a ter a folga deste xoves e a elevada participación no piquete que percorreu durante toda a mañá a céntrica Praza de Lugo, permiten adiantar que a folga de mañá rexistrará un seguimento histórico en todas as cadeas e cidades. E iso malia as tentativas da multinacional de desactivar as traballadoras enviando no día de onte mensaxes a través da intranet destacando as bondades do pacto asinado con CCOO e UGT en Madrid e intentando amedrentar o persoal ao advertilo de posíbeis incidentes.

"Somos as pobres de Inditex"

Nun ambiente festivo e cheo de cánticos alusivos aos salarios de miseria que cobran, as traballadoras ían explicando os motivos polo que decidiron ir á folga: lograr unha equiparación salarial co persoal doutras empresas do grupo de similar categoría e cualificación, que chegan a percibir até o triple de salario que as dependentas; e que se lle recoñezan as melloras sociais e laborais que xa teñen outros colectivos dentro da multinacional.

Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña, lembra que o salario base das dependentas é 1080€/mes, que levan tres anos cos soldos conxelados e que os poucos pluses que perciben son moi inferiores aos que existen noutras empresa do grupo. Porén, Inditex non quería sentar a negociar coas traballadoras e "cando o conseguimos puxeron como condición negociar só as cuestións económicas para subir o salario a través dun plus, sen tocar o resto de materias".

Mais oferta que presentou a multinacional, e que non variou nin un céntimo dende outubro, está moi afastada das demandas das traballadoras, que piden unha suba mensual que en tres anos acade os 440€.

Nas diferentes asembleas celebradas pola provincia, as dependentas manifestaron o seu rotundo rexeitamento á proposta patronal, por considerar que non corrixe a discriminación retributiva que sofren e porque Inditex ten a suficiente capacidade económica para pór enriba da mesa un incremento dos salarios que verdadeiramente poida cualificarse como digno.

"Por iso seguimos adiante coa folga e non descartamos ter que convocar novas xornadas en decembro xa que non sabemos nada da empresa, nin parece disposta a moverse", adianta Domínguez. Neste senso, critica que Inditex pretendera desactivar esta loita asinando en Madrid con CCOO e UGT "o acordo que aquí non aceptamos por ser totalmente insuficiente".

A respecto da percepción social da súa loita, as delegadas da CIG salientan que nos repartos de panfletos feitos ao longo da última semana "percibimos unha recepción moi boa por parte da cidadanía"; e matizan "tamén é certo que hai moito descoñecemento de cales son as nosas condicións salariais reais e cando llo explicamos, comprenden as nosas reivindicacións". E conclúen resumindo a súa situación nunha frase: "somos as pobres de Inditex".

MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS PARA A FOLGA DO VENRES

Así as cousas, a xornada de folga máis importante desenvolverase mañá, venres 25 de novembro, coincidindo co Black Friday. Ademais dos piquetes informativos que comezarán ás 10h na Coruña, Compostela e Ferrol, as traballadoras e traballadores das tendas realizarán as seguintes mobilizacións:

  • A Coruña:  manifestación ás 12h dende a Praza de Lugo.
  • Compostela: manifestación ás 12h dende a Praza de Galiza.
  • Ferrol: concentración ás 12h no Centro Comercial Odeón.