As asembleas do persoal do comercio de alimentación de Ourense apoian de xeito maioritario a proposta da mediación
As asembleas de traballadoras e traballadores do comercio de alimentación celebradas este luns votaron de xeito practicamente unánime a favor da última proposta de convenio colectivo trasladada no marco da mediación no Consello Galego de Relacións Laborais. Nas asembleas, que contaron cunha elevada participación do sector tanto na sesión da mañá como na da tarde, decidiuse tamén desconvocar as xornadas de folga previstas para os días 24 e 26 de xullo.
Agora, explica o representante da CIG na mesa de negociación, Anxo Pérez Carballo, as centrais sindicais darán traslado da decisión das asembleas ás mediadoras para proceder á sinatura do texto final do convenio. Matiza que a proposta que hoxe se presentou ao persoal, aínda que xa foi aceptada pola patronal na mediación, non constituía un preacordo de convenio como tal, posto que non foi asinada polos sindicatos na reunión do pasado xoves.
Nesa xuntanza chegouse a un entendemento en materias como promocións de grupo, estabelecer tres fins de semana de calidade ao ano, un plus fixo de nocturnidade, plus de axuda escolar até os 12 anos, adianto das pagas extras, ou aumentar un día de vacacións.
Pero a principal discrepancia seguiu a estar na cuestión económica, xa que a oferta da patronal permanecía moi afastada das demandas sociais. Pérez Carballo lembra que a proposta de partida dos sindicatos para o ano 2025 era de 18.100 euros anuais (hai que ter en conta que no ano 2024, o soldo anual do persoal nas categorías maioritarias foi de 16.198,50 euros); e para 2026, de 19.500 euros. Para os seguintes anos, a demanda era dun incremento do 3% con cláusula de revisión salarial ao IPC.
Un incremento de máis de 4.000 euros ao remate do convenio
Ante a falta de avances coa patronal, as mediadoras trasladaron ás partes unha proposta salarial para o ano 2025 de 18.100 euros (na liña da demanda sindical); para o ano 2026 de 19.250 euros; e para os anos 2027 e 2028 incrementos do 3% con cláusula de garantía salarial até o 5,5% -no caso da inflación superar o incremento pactado- para garantir así o mantemento do poder adquisitivo. Esta foi a proposta que hoxe se levou ás asembleas.
“En porcentaxe, estas contías supoñen un incremento total nos catro anos de convenio do 26,08% para a categoría maioritaria. É dicir, dende o ano pasado até o remate do convenio (2028) haberá un incremento de 4.223,82 euros”, incide o representante da CIG.
Para avaliar o salto que se produce nesta negociación, Pérez Carballo explica que no anterior convenio 2021-2024 a suba total foi de 1.680 euros, “o que representa o 11,56%. A CIG non asinou ese convenio porque nos parecía totalmente insuficiente. Agora estamos falando dun incremento do 26,08%, por iso, esta vez si que imos asinar”.
Neste senso, salienta a distancia que as táboas das categorías nas que se encadra a maioría do persoal collen con respecto ao SMI anual, xa que na provincia de Ourense o convenio sempre estaba ao borde do salario mínimo, ou incluso algunhas categorías xa quedaran por debaixo. “A partir deste ano veremos o SMI polo retrovisor: o persoal cobrará 1.524 euros/ano por enriba do salario mínimo actual e esa diferenza irá aumentando nos próximos anos”, reitera.
Éxito da loita do persoal
Aínda que non se acadaron todas as reivindicacións da plataforma sindical, o persoal entendeu esta proposta como un éxito da loita obreira. Cómpre destacar que é a primeira vez na historia que o comercio de alimentación da provincia se mobiliza polo seu convenio, con tres días de folga que rexistraron unha participación superior ao 90% e unhas mobilizacións e asembleas multitudinarias. De feito, en conxunto, nas dúas asembleas deste luns participaron máis de 650 traballadoras e traballadores e só houbo 57 votos en contra de asinar a proposta.
Por iso, para Pérez Carballo lograr que a patronal aceptara esta proposta da mediación, moi superior en termos económicos ao que o empresariado estaba disposto a ofrecer, constitúe “un éxito colectivo de todo o persoal, maioritariamente formado por mulleres, que por primeira vez se moveron polo seu convenio, servindo de exemplo e marcando o camiño a outros sectores, como o comercio téxtil”.
Mais, engade, tamén supón un aviso importante para unha patronal “que acudiu negociar coa mesma actitude prepotente, arrogante e abusiva dos últimos catro convenios, e atopouse enfronte cun sector esperto, organizado e disposto a pelexar”.