• Nova

As monitoras e monitores da rede de comedores escolares de Ames seguen sen vacinar

Concello e adxudicataria remitiron a listaxe á Xunta que non deu aínda resposta
Ames - 03 Mai 2021

O persoal monitor da rede de comedores escolares de Ames segue á espera de ser vacinado malia estar incluído na “Estratexia de Vacinación fronte á COVID-19”. Sinalan que tanto o concello como a empresa adxudicataria do servizo remitiu a listaxe de traballadores e traballadoras á Xunta de Galiza, pero que esta non deu aínda resposta, ao parecer, por un problema burocrático.

A Rede de Comedores de Ames está formada por máis de 200 traballadoras e traballadores e presta servizo nos centros educativos de infantil e primaria de carácter público do Concello de Ames. Esta Rede desenvolve unha función esencial para a conciliación familiar xa que atende aproximadamente a 1200 nenos e nenas.

Estratexia de Vacinación

Lembran que na última actualización da “Estratexia de Vacinación fronte á COVID-19” realizada polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde considérase que “o grupo formado por docentes e persoal de educación infantil e primaria, incluíndo tanto docentes como outros profesionais que atenden directamente ao alumnado de centros de ensinanza”, forman parte desa estratexia de vacinación. E denuncian que malia ser este o protocolo “sobre o papel”, “a realidade é ben diferente”.

O colectivo denuncia que a día de hoxe -coa fin de curso en menos de dous meses- aínda non está aclarado se este sector vai ser vacinado ou non. Pola información que teñen, o problema parece deberse a unha mera cuestión burocrática.

A empresa adxudicataria e a Concellaría de Educación do Concello de Ames xa ten enviada a listaxe do persoal que tería que ser vacinado pero desde a Xunta de Galizia (tanto a consellaría de Educación como a de Sanidade) non deron resposta a esta demanda.

A CIG-Servizos sinala que tamén remitiu unha comunicación á Xunta de Galicia e ao SERGAS sobre esta cuestión, pero denuncia que tampouco recibiu resposta algunha.

Maior risco de contaxio

O colectivo subliña que as monitoras e monitores da Rede de Comedores de Ames atenden aos nenos e nenas nos únicos momentos onde non levan posta a súa mascarilla no centro -xa que non a poñen para comer-, polo que o risco de contaxio é aínda maior.

Consideran “vergoñento” que unha cuestión burocrática ou política “estea poñendo en risco a saúde de traballadoras e traballadores dun servizo que falicita a conciliación a máis de 1.000 familias e, polo tanto, tamén aos propios nenos e nenas do servizo así como á poboación xeral”.