• Nova

As/os traballadoras/es da limpeza do aeroporto de Santiago irán á folga o 29 de decembro e o 8 de xaneiro

Denuncian o drástico recorte económico da contrata por parte de AENA e reclaman a incorporación do 100% do persoal en ERTE
Santiago - 23 Dec 2020

As traballadoras e os traballadores do servizo de limpeza do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago (adxudicado a Onet Iberia) acordaron por unanimidade convocar dúas xornadas de folga para denunciar o drástico recorte económico da contrata por parte de AENA e demandar a reincorporación efectiva do 100% do persoal en ERTE. As folgas desenvolveranse o martes 29 de decembro e o venres 8 de xaneiro e afectan ao conxunto do persoal da limpeza.

O comité (con representación de CIG e UGT) denuncia que dende o inicio da emerxencia sanitaria, AENA está favorecendo os recortes no servizo de limpeza, que imposibilitan que as traballadoras e traballadores poidan cumprir cos protocolos establecidos pola propia compañía. Neste senso, subliñan que aínda que noutros servizos do aeroporto como seguridade ou asistencia á mobilidade xa se reincorporou o 100% do persoal, os traballadores e as traballadoras da limpeza seguen cun ERTE vixente, que ademais Onet Iberia pretende ampliar durante outros nove meses máis.

E iso, apuntan, a pesar de que AENA reabriu as zonas pechadas nos momentos de menos afluencia e do incremento progresivo dos voos e do número de pasaxeiras/os. "O número de persoas que se incorporan do ERTE vai en función do volume de pasaxeiros/as. Pero este dato AENA pásao a mes vencido, polo que agora, en plena campaña de nadal, o servizo de limpeza préstase cos datos de afluencia de novembro", explican.

Por iso, coa convocatoria das folgas, a representación social reclama a incorporación da totalidade do cadro de persoal e dar por finalizado o ERTE, xa que Onet nin sequera ten traballando o número de empregados/as que corresponde ao non cubrir as baixas por IT, vacacións, permisos etc. "Hoxe tiña que haber 18 persoas no servizo de limpeza do aeroporto pero só están 9", alertan.

Para o comité "é totalmente inadmisíbel que mentres todos os sectores se viron obrigados a reforzar os servizos de limpeza para minimizar os riscos da pandemia, AENA, empresa cun 51% de participación pública e responsábel dunhas instalacións públicas polas que pasan centos de traballadores/as e de pasaxeiros/as, recorte este servizo e sexa cómplice nos incumprimentos da súa contrata".