As rúas de Vigo énchense de berros contra a precariedade laboral nas residencias da terceira idade privadas
O persoal das residencias da terceira idade e centros de día privados fixo hoxe unha demostración de forza ao tomar as rúas de Vigo para reclamar un convenio colectivo digno que remate coa precariedade laboral no sector. Varios centos de traballadoras/es percorreron a pé a distancia entre a residencia Ballesol, na Gran Vía, e as oficinas centrais da empresa DomusVI, na rúa García Barbón, para forzar a patronal a negociar.
A mobilización foi convocada polas tres centrais sindicais maioritarias, CIG, CCOO e UGT, que recentemente rexistraron unha convocatoria de folga indefinida que dará comezo o vindeiro xoves 17 de marzo ás 22:00 horas para rexeitar a vulneración dos acordos económicos e sociais do IV convenio colectivo do sector de residencias en Galiza. Un día antes, o mércores 16, volverán á rúa para facer escoitar as súas demandas. Nesta ocasión trasladaranse a Santiago para celebrar unha manifestación que arrincará dende as dependencias centrais da Xunta en San Caetano ás 11:00 horas e rematará diante do Parlamento.
A folga atinxe a unhas 12.000 empregadas/es que desenvolven a súa actividade nas residencias da terceira idade (asistidas, non asistidas e mixtas), tanto para estadías permanentes como temporais, así como en residencia de día, calquera que sexa a súa denominación.
A decisión de convocar folga tomouse porque o persoal non ve “saída nin alternativa”, xa que a patronal estivo nestes dous últimos anos dilatando calquera tipo de negociación, “torpedeando todo, polo que decidimos romper a mesa: non hai suba salarial, non hai melloras sociais, non hai nada”, sinalan dende a CIG.
Salarios miserentos
O que demandan é unha suba salarial que se adecúe aos tempos que corren porque o convenio leva caducado dous anos e “xa viñamos arrastrando un salario miserento e o imos seguir empeorando”. Ademais queren melloras nas súas condicións laborais, tan básicas como en conciliación familiar, nas condicións das baixas laborais ou en materia de accidentes laborais porque neste momento “estamos polo Estatuto de Traballadores”.
Dende a central sindical denuncian que a patronal de residencias está controlada por grandes grupos, como DomusVI. Empresas que fan caixa a custo das persoas usuarias e de manter nunha situación de precariedade ao persoal e que, ademais teñen, moitas delas, concertos coa Xunta de Galiza. “É un negocio e non debera de ser tal; entendemos que tería que ser un servizo público, pero polo menos teñen que prestalo o máis dignamente posíbel para as persoas usuarias e para quen traballa nelas”.
A usura da patronal chega a tal punto que as empresas negáronse a actualizar as táboas salariais malia a Xunta ter xa actualizados os pagos das persoas usuarias que teñen prazas concertadas ao IPC (+ 6,5%) e as empresas incrementar na factura das persoas usuarias, xa desde o mes de xaneiro, esa porcentaxe. Por iso teñen solicitadas reunións coa Administración galega e mesmo puxéronse denuncias pero “a Xunta mira para outro lado e fai oídos xordos”.
Máis ca un conflito laboral
Os tres sindicatos presentaron tamén recentemente un escrito dirixido á Valedora do Pobo para instala a intervir de xeito inmediato nun conflito que entenden que non é simplemente laboral senón unha cuestión social que afecta a toda a sociedade galega, porque, “estamos falando de que está en xogo a atención e coidado dos nosos maiores”.
Apuntan que o dereito a un servizo de coidados de calidade e a prestación de coidados en condicións dignas “está sendo vulnerado” e que “non podemos mirar para outro lado”. Nese sentido, denuncian que por causas de emerxencia sanitaria, a grave situación que padecían as traballadoras na maioría das residencia privadas da terceira idade, “agora a situación converteuse en insostíbel”, con salarios de miseria, sobrecargas de traballo e falta de tempo para prestar a atención necesaria as e os residentes.
Censuran ademais os cambios continuos de calendarios, a falta de valoración psicosocial, os cambios continuos nos protocolos e criterios de seguridade e, como colofón final a esta gravísima situación, que a patronal négase a negociar un convenio colectivo digno.
No escrito explícanlle á Valedora que a decisión de convocar unha folga indefinida no sector viu dada tamén, non xa pola falta de vontade para negociar un convenio digno, senón tamén pola inacción da Xunta de Galiza, á que acusan de converter os coidados nun negocio. Xunto a isto acusan ás empresas de xestionar servizos públicos financiados con diñeiro público para obter “enormes beneficios económicos a costa da explotación salvaxe das traballadoras das residencias da terceira idade e da mala calidade do servizo”.
Finalmente, adiantan que van procurar que a folga non afecte ás persoas usuarios, pero témense que as residencias “van impor servizos mínimos abusivos, como en todas as folgas, que serán denunciados, pero o que si pretendemos é visibilizar a situación que ten este sector”.
Participación do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG
O colectivo de persoas xubiladas da CIG de Vigo, que amosou publicamente o seu apoio ás reivindicacións do persoal das residencias, tamén participou na mobilización desta mañá para trasladar as súas demandas, nomeadamente a posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todas as galegas/os vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo de xeito autónomo.
Por iso esixen do Goberno da Xunta o aumento nos orzamentos destinados á atención á dependencia e o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias. “Tamén é necesario incorporar o servizo de axuda no fogar nun ente público galego como o que propoñemos, e rematar dunha vez por todas coas miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados cada vez máis necesario”.