As traballadoras da limpeza de Lugo bótanse á rúa para dicir basta de precariedade e exixir un convenio digno

Lugo - 20 Xun 2023

"Basta xa de tanta explotación" foi a mensaxe que as traballadoras e os traballadores da limpeza lle lanzaron á patronal na manifestación realizada este martes polas rúas de Lugo, coincidindo coa xornada de folga en demanda dun convenio digno. O paro, que afecta a todo o persoal da provincia regulado polo convenio de limpeza de edificios e locais, unhas 1800 persoas, está rexistrando un seguimento total malia os abusivos servizos mínimos decretados, que nalgúns casos chegan ao 100% da actividade.

A representante da CIG-Servizos, Asunción Castiñeira, subliñou que a última oferta trasladada pola patronal deixa o sector totalmente precarizado, cuns soldos que non dan para chegar a fin de mes nin para ter unha vida digna. "Propoñen un convenio a catro anos (2022-2025), con conxelación salarial para 2022, un incremento do 12% a repartir no resto de anos e sen cláusula de revisión. Se facemos contas é o mesmo que seguir deixando o convenio por debaixo do SMI".

Lembrou que o salario anual dunha limpadora está 1800 euros por debaixo do salario mínimo interprofesional e que este é un sector altamente feminizado e con moita parcialidade. "As traballadoras están fartas e non van consentir que a patronal consolide e afonde nesta precariedade. Por iso, ademais dun incremento xusto, no actual contexto prezos desbocados, a revisión anual ao IPC e o pago dos atrasos correspondentes ao ano 2022 son irrenunciábeis".

Castiñeira criticou o inmobilismo de ASPEL (a patronal estatal que agrupa as grandes empresas do sector como Eulen, Clece, Onet, ISS ou Lacera) por demorar primeiro a constitución da mesa e despois "dedicarse a bloquear a negociación e deixar o sector nuns termos que son absolutamente inasumíbeis".  

A este respecto, indicou que a plataforma presentada polas centrais sindicais ao inicio das negociacións (antes de coñecerse como quedaría o SMI) xa ía moi axustada "polo que non ten moita marxe de manobra. Pero todas as reivindicacións que levamos son xustas e asumíbeis pola patronal”.

Neste senso, explicou que, alén da cuestión económica, reclámanse melloras sociais e laborais como o complemento do 100% nas baixas, a redución da xornada máxima semanal, aumentar os días de asuntos propios etc.Demandas ás que patronal tampouco quere acceder.

Sobre o decorrer da folga, a representante da CIG valorou o seguimento total do paro entre as traballadoras e traballadores que poden exercer este dereito, posto que os abusivos servizos mínimos impostos chegan nalgúns casos a afectar ao 75% e ao 100% do persoal. "Comprendemos que nalgún servizos dos considerados esenciais ten que haber unha actividade mínima, pero non se entenden os servizos marcados para a limpeza de edificios administrativos ou os colexios", criticou.

A próxima reunión da mesa do convenio está fixada para o 27 de xuño, mais de non producírense avances, as asembleas de persoal xa amosaron a súa disposición a ir a unha folga indefinida no mes de setembro. "Agardamos que a patronal tome note da resposta dada hoxe polas traballadoras e os traballadores e mude a súa postura na mesa de negociación, porque seguiremos pelexando até acadar un convenio digno con salarios xustos".