As traballadoras da limpeza de Lugo irán á folga o 20 de xuño para reclamar un convenio digno con salarios xustos

Lugo - 09 Xun 2023

As asembleas de traballadoras e traballadores da limpeza acordaron por unanimidade convocar unha xornada de folga o próximo 20 de xuño en demanda dun convenio colectivo digno, con subas salariais xustas, para a provincia de Lugo. Ademais, de non producírense avances na negociación, o persoal non descarta ir á folga indefinida a partir do mes de setembro.

A decisión chega en resposta á proposta económica presentada pola patronal, que consideran totalmente insuficiente tendo en conta que as táboas salariais do convenio xa foron superadas polo Salario Mínimo Interprofesional e que tan só nos dous últimos anos o persoal perdeu máis dun 12% da súa capacidade adquisitiva debido á inflación disparada.

Porén, a patronal limítase a ofertar un incremento total do 12% a repartir nos catro anos de vixencia (2022 a 2025), unha prima non consolidábel de 272€ para o ano 2022 e outra de 200 para 2023 (que tampouco sería consolidábel), e sen cláusula de revisión anual conforme ao IPC, consolidando deste xeito o empobrecemento dos salarios.

"Estamos falando de que unha limpadora cobra de salario base 13.594€/ano en 15 pagas. O que propón a patronal suporía perpetuar esta precariedade e deixar os soldos do sector na miseria", denuncia Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña.

Contraproposta do persoal

As asembleas do persoal rexeitaron esta oferta de miseria e acordaron remitirlle á patronal unha contraproposta para reducir a vixencia do convenio a tres anos (2022-2024), e que en materia económica contempla unha suba salarial para 2022 do 6,5% con efecto reatroactivo a 1 de xaneiro, do 5,7% para o ano 2023 (tamén con efectos retroactivos), e un incremento do 5% para 2024 con cláusula de revisión.

As traballadoras e traballadores entenden que, despois do enorme esforzo realizado durante a pandemia e no contexto actual de carestía da vida, este é o momento de dignificar os seus soldos e mellorar as condicións laborais nun sector considerado esencial, mais altamente feminizado e precarizado e con escaso recoñecemento social.

Reunión o 27 de xuño

A próxima reunión da mesa está prevista para o 27 de xuño polo que dende as centrais sindicas CIG, CCOO e UGT instan a patronal a asumir as lexítimas demandas das traballadoras e dar unha resposta nos próximos días "se realmente teñen vontade de resolver o conflito. Porque se o sector ten que ir á folga, que teñan claro a patronal que non será pola mesma proposta que está agora enriba da mesa".

Na provincia de Lugo hai arredor de 2000 persoas reguladas polo convenio de limpeza de edificios e locais que prestan servizos en lugares tan diversos como os centros de saúde, os colexios públicos, as dependencias municipais, os centros cívicos, edificios de vivendas, e todo tipo de industrias e empresas privadas.