
As traballadoras das residencias privadas claman contra a explotación laboral na terceira xornada de folga
As traballadoras de residencias privadas de maiores e centros de días secundan estes mércores o terceiro día de folga en demanda dun convenio digno. Con todas as limitacións que implican os servizos “máximos” do 100% decretados pola Xunta de Galiza, a CIG-Servizos valora de xeito moi positivo o desenvolvemento do paro e a participación nas distintas mobilizacións realizadas na Coruña, Cabanas, Narón, Lugo, Compostela, Vigo, Vilagarcía, Ribadumia e Ourense.
O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, destacou ademais que o persoal que non pode exercer o seu dereito á folga “sae concentrarse ás portas dos centros de traballo durante as pausas para amosar o apoio ás reivindicacións”.
Alén das mobilizacións coincidindo co terceiro día de folga, a CIG tamén ten convocada unha concentración para mañá, xoves 8 de maio, ás 12h, diante do Concello de Vimianzo, aproveitando que é o día de mercado. Na protesta participarán traballadoras das residencias privadas de maiores e centros de día da comarca de Soneira, Bergantiños e Fisterra.
A patronal, desaparecida
Malia a disposición das traballadoras a loitar por unhas condicións xustas, a patronal teima no seu silencio e continúa sen retomar as negociacións dunha mesa que non se reúne dende o pasado mes de outubro. Por iso, xa adiantou que, de non producírense avances, o 21 de maio haberá unha nova xornada de folga.

De igual xeito, Naya criticou con dureza a postura mantida pola Xunta de Galiza, nomeadamente a Consellaría de Política Social como departamento responsábel do sector, “que nin se quere reunir coa CIG, nin tampouco intermedia para desbloquear o conflito”. “A Consellaría segue coa boca calada e o único que fai é criticar a CIG por non se sabe que”, lamenta. Reitera que “a administración galega tense que implicar” e chama a que, dunha vez, “se poña a traballar para resolver este conflito”.
Salarios de miseria e condicións precarias
Neste liña, o representante sindical subliña que as demandas das traballadoras son tan básicas como ter unhas táboas salariais acordes ao SMI, avanzar na redución da xornada laboral -que actualmente teñen fixada nas 40 horas semanais cando xa está a debate a xornada de 37,5h-, ampliar as coberturas nas situacións de IT ou que se compensen os festivos.

“Máis do 60% das traballadoras do sector teñen salarios por debaixo do SMI”, denuncia Naya, por iso reclama que, como mínimo, se cumpra co que estabelece a lexislación “e a partir de aí, mellorar as retribucións para poder comezar a falar dun convenio digno. Porque ademais hai que ter en conta que se trata dun sector esencial para a sociedade, pero pouco valorado”, e no que as grandes empresas obteñen beneficios millonarios.
Naya advirte que esta precariedade laboral se estende á calidade asistencial que se presta ás persoas residentes e usuarias, tanto nos centros puramente privados como nos de titularidade pública pero coa xestión privatizada. “Traballan con persoas mais a organización é como a dunha fábrica, cos tempos moi limitados para darlle os coidados e a atención a cada persoa, e cunhas ratios obsoletas que obrigan a soportar unha sobrecarga de traballo constante”.

Este esforzo físico e mental permanente repercute na saúde das traballadoras que se atopan “exhaustas, cansas e fartas”. E aínda así “van enfermas a traballar para que non lle apliquen os descontos nos seus raquíticos salarios, xa que non teñen complementadas as baixas ao 100%”.
Neste contexto, as traballadoras son conscientes que só a través da loita e da mobilización conseguirán mellorar os seus dereitos e avanzar no camiño da equiparación coas condicións que xa ten o persoal das residencias públicas de xestión directa.