• Nova

As traballadoras de Albo proseguen coas folgas e as mobilizacións contra os plans de peche da empresa

Mantiveron unha reunión coa Xunta e este xoves manifestaranse dende a fábrica até Viveiro
Viveiro - 06 Xul 2022

As traballadoras e os traballadores de Albo continúan esta semana co calendario de folgas parciais e mobilizacións en defensa da continuidade produtiva e o mantemento dos empregos na factoría de Celeiro. O luns pola tarde o persoal, arroupado pola veciñanza e representantes políticos, concentrábase no Concello de Viveiro pola dereito a traballar e vivir dignamente na Mariña, onte martes, as protestas trasladáronse até as portas do local onde tiña lugar a reunión da comisión negociadora do expediente de mobilidade.

Na xuntanza, sinala Susana Riveira, da Executiva da CIG da Mariña, non se produciron avances xa que a empresa (propiedade do grupo Shanghai Keichuang) teima no seu plan de peche, sen querer estudar alternativas para a continuidade dos postos de traballo e da produción na fábrica de Celeiro, da que a CIG segue defendendo a súa viabilidade.

Pero ademais, a dirección formula unha proposta de indemnizacións totalmente irrisoria, que de ningunha maneira se corresponde co esforzo realizado polas traballadoras e traballadores durante todos estes anos. Cómpre lembrar que Albo pretende pechar as instalacións de Celeiro e levar a produción á nave que está construíndo en Salvaterra. Pero a proposta de traslado non supón unha alternativa para o 90% das traballadoras/es, que non poden asumir este cambio a máis de 270km dos seus fogares polo custe económico que lles carrexa,  polos baixos salarios que se cobran e polas propias situacións familiares e persoais.

Sen propostas concretas de futuro

Neste contexto, na tarde de onte, unha representación das traballadoras/es e da CIG desprazáronse até Lugo para manter unha xuntanza con representantes da Consellaría de Emprego e da Consellaría do Mar, a quen lle reclamaron a intervención da Xunta para evitar esta nova desfeita laboral e industrial na comarca.

No encontro, a Xunta trasladou que mantivera contacto con algunhas empresas que poderían estar interesadas na planta, "mais sen achegar ningunha proposta en concreto que permita albiscar unha solución para a continuidade do emprego, e menos aínda no curto prazo", apunta Riveira, quen lembra que o vindeiro mércores remata o período de negociación do expediente de mobilidade.

Así as cousas, este mércores, o persoal continúa coa folga parcial e manterá unha asemblea ao remate da xornada laboral para valorar a marcha das negociacións coa empresa e informar dos contactos mantidos coa administración galega.

Manifestación o xoves 7 e folga os días 11 e 13 de xullo

Dentro do calendario de mobilizacións para este xoves día 7 de xullo está convocada unha manifestación ás 19:30 horas que sairá das portas da fábrica de Celeiro e rematará nos xardíns Noriega Varela de Viveiro. A CIG chama a participar a toda a veciñanza nesta mobilización en defensa do mantemento dos postos de traballo e da actividade produtiva na Mariña.