
As traballadoras de residencias e de SAF unirán forzas nunha andaina reivindicativa en Compostela

As traballadoras de residencias e dos servizos de axuda no fogar acordaron, nas asembleas celebradas a semana pasada, unir forzas para reclamar a negociación dos seus convenios. Con este motivo teñen convocada unha mobilización que terá lugar en Compostela, o vindeiro día 10 de xuño, como antesala ademais das dúas xornadas de folga convocadas para os días 11 e 12 de xuño.

As traballadoras procedentes das provincias da Coruña e Lugo iniciarán a súa andaina desde a residencia Raiola, en San Marcos, ás 10:00 horas. Ao tempo, desde a residencia da Fundación Amancio Ortega, na rúa Monte do Seixo (nas inmediacións do Corte Inglés), partirán as de Pontevedra e Ourense. Nas marchas participará tamén o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG.
As dúas marchas confluirán diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, previsiblemente contra as 12:00 horas, onde se concentrarán para exixir da Xunta a súa mediación para que resolva o conflito e se garanta unhas condicións laborais e salariais dignas para as traballadoras dun sector especialmente feminizado e precario.