As traballadoras do SAF da Pastoriza piden a actuación do Concello ante os incumprimentos constantes da concesionaria

Servital cambia o salario do persoal cada mes e non lles facilita medidas de protección suficientes
A Pastoriza - 23 Out 2020

 A empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da Pastoriza, adxudicado a Servital, está a incumprir de maneira sistemática o convenio colectivo e sometendo as traballadoras a modificacións constantes da xornada. Farto destes incumprimentos, o cadro de persoal vén de solicitar unha reunión co responsábel do servizo no Concello para expoñerlle os problemas que sofren e demandar a actuación do Goberno municipal.

O responsábel da CIG-Servizos na Mariña, Xosé M. Díaz, subliña que ao precario convenio colectivo, sen actualizar dende o ano 2012, que recolle condicións económicas cativas e que dá todas as facilidades ás empresas para a flexibilidade; hai que engadirlle que Servital "está a manexar os contratos das traballadoras unilateralmente ao seu antollo. Deste xeito, unha traballadora nunca sabe con certeza o que vai cobrar cada mes nin canto tempo está contratada nin canto cotizan ao mes por ela", denuncia.

Díaz explica que isto constitúe un problema habitual para as traballadoras a tempo parcial, mais tamén para as que teñen asinado un contrato a tempo completo, posto que a empresa lles cambia cada mes o salario, moitas veces mesmo cando non variou o servizo nin as casas ás que tiveron que acudir. “Nunca sabes o que vas cobrar, a empresa ponnos ou quítanos horas do contrato sen haber cambio no servizo, é unha incerteza total”, denuncian as traballadoras.

Outro tanto ocorre co plus de desprazamento que varía aínda sen variar as casas nin o percorrido. “E a unhas cóntalles dende a súa casa, a outras dende o Concello… é un caos total”.

Deficientes medidas de protección fronte á covid-19

En canto á protección ante a covid-19, nunha actividade ademais tan sensíbel como a atención no fogar , a empresa estalles facilitando ás traballadoras un material insuficiente e só despois de moitas reclamacións, conseguiron que Servital lles dea unha máscara cirúrxica para cada día, xa que antes lles daba dúas KN95 para todo o mes. Non obstante, advirten que esta mellora non é suficiente, posto que a máscara cirúrxica débese cambiar cada 4 horas "polo que para as persoas a xornada completa aínda é a metade do que sería preciso".

As traballadoras explican que a empresa tampouco lles entrega batas desbotábeis "polo que coa roupa que manipulamos a unha persoa imos facer o servizo á seguinte”. Unha práctica irresponsábel tendo en conta o sector de poboación ao que atenden, que pola súa idade é un claro grupo de risco.

Diante destes reiterados incumprimentos e deficiencias no servizo, as traballadoras solicitaron a reunión co Concello para trasladarlle a situación do SAF e, como responsábel do servizo, tomen as medidas precisas coa empresa concesionaria.

En todo caso, as traballadoras non descartan, se non hai cambios, convocar outro tipo de medidas e mobilizacións.