As traballadoras do SAF de Ponteareas rexeitan cunha protesta na praza do Concello a precariedade laboral que padecen

Só unha das 40 auxiliares ten contrato a xornada completa malia que moitas traballan máis horas
Ponteareas - 08 Mar 2022

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas desenvolveron hoxe, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, unha protesta na praza do Concello para rexeitar as condicións laborais “de total precariedade” que padecen. Dende a CIG denuncian que só unha das 40 auxiliares conta cun contrato a xornada completa “a pesar de que moitas traballan xornadas superiores á completa sen seren recoñecidas nin pagadas”.

Este servizo público está en mans do grupo Clece dende o ano 2013, actualmente baixo as siglas da súa filial Samain Servizos a Comunidade. Dende xullo de 2021 as traballadoras contan con representación sindical da CIG, elixida coa intención de mellorar as súas condicións laborais por debaixo do convenio de aplicación no sector, “con incumprimentos moi graves que as manteñen nunha situación de total precariedade”.

De feito, só unha das 40 auxiliares conta cun contrato a xornada completa “a pesar de que moitas compañeiras traballan efectivamente xornadas superiores á completa sen seren recoñecidas nin pagadas”. A maioría traballan de xeito parcial, con constantes variacións de xornada e sen garantía da xornada mínima do sector, de 25 horas semanais. “Pártense as xornadas dúas e tres veces e non se respectan os descansos mínimos semanais e diarios”.

Na CIG censuran tamén as diferencias salariais existentes con respecto a outros SAF, xa que a empresa mantén os complementos de antigüidade, festivos e quilometraxe en valores do ano 2012, negándose a aplicar as revisións do IPC.

Ademais, as traballadoras teñen que facer uso do seu coche particular para realizar os servizos, desprazándose a diferentes parroquias e recibindo o mesmo importe por quilometraxe dende hai 14 anos. E a empresa négase a entregarlles os rexistros de xornada ás traballadoras para que poidan comprobar as diferenzas entre a xornada pagada e a realizada. Neste senso, a representación sindical ten constatado diferenzas de máis de 6000 euros en xornadas extra que están xa reclamadas diante do Xulgado do Social.

Por non falar de que no que vai de ano a empresa non contestou a solicitude das delegadas “e sen motivo algún non actualizou os salarios segundo o IPC do ano 2021, tal e como a obriga o convenio de aplicación”.

Saúde laboral

No que ten que ver coa saúde laboral, sinalan que non se está a realizar un plan de prevención nin unha adecuada avaliación de risco musco esquelético e psicosocial nos domicilios nos que prestan servizos as traballadoras. “Temos denunciado todas estas irregularidades na Inspección de Traballo dende outubro do ano 2021 sen ter constancia algunha de actuación por parte da autoridade laboral”. Igualmente, a CIG informou o Concello do incumprimento da lexislación vixente e solicitado a rescisión do contrato da adxudicataria.

Finalmente, lembran que o SAF atende as necesidades básicas da vida diaria de case un cento de persoas dependentes do concello de Ponteareas e está financiado case ao 100% de cartos públicos. “Trátase dun servizo público esencial en mans dunha empresa cuxo obxectivo non é outro que obter un beneficio a costa da saúde das traballadoras e de mantelas en situacións de total precariedade económica e laboral”.

Por estas razóns, as traballadoras iniciaron este 8 de marzo mobilizacións para solicitar o inmediato cumprimento das súas reivindicacións.