As traballadoras do sector de coidados dan outra lección de dignidade cunha nova xornada de folga
As traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e das residencias de maiores e centros de día privados están a dar hoxe unha outra lección de dignidade e de capacidade de loita cunha nova xornada de folga e de mobilizacións. Centos de persoas percorreron as rúas de distintas localidades do país para reclamar convenios colectivos que melloren as condicións laborais e garantan unha atención de calidade nun sector esencial como o de coidados.
A CIG-Servizos leva meses organizando protestas ante a situación de parálise da negociación dos dous convenios colectivos, cunhas patronais que se negan a sentarse e coa “sorprendente complicidade” da conselleira de Política Social, Fabiola García, “a pesar de que a Xunta é a máxima responsábel dos servizos de atención ás persoas dependentes”. Até o punto de que os SAF leva dende 2012 sen convenio e as residencias dende 2023, polo que o persoal do sector padece condicións de precariedade e baixos salarios dende hai anos.
Unha precariedade que se vai perpetuar tendo en conta o proxecto de orzamentos autonómicos para 2026 que se vén de coñecer, “xa que non se incrementan o necesario para dotar de condicións dignas o sector”. Ademais, trátase de partidas orzamentarias non pechadas, polo que en calquera momento se poden mover contías millonarias para outros servizos, “como aconteceu recentemente na partida destinada aos SAF, da que a Xunta detraeu 17 millóns de euros”.
En consecuencia, a central sindical -que ten convocada unha nova xornada de folga para o vindeiro martes 4 de novembro- seguirá apoiando as “xustas reivindicacións” das milleiros de empregadas do sector, que continuarán a loitar polos seus dereitos laborais ante a “inacción” e a “falta de vontade política” para dignificar o sector da dependencia e a atención domiciliaria. “Seguiremos esixindo que se escoite ao persoal, que se melloren as condicións laborais e que se poña fin á mercantilización dos coidados”.
Mais tamén para reclamar un Sistema Público Galego de Servizos de Atención as Persoas que integre os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar; e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa ou Transporte Adaptado. “Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais do persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio”.
“Fabiola, escoita, estamos en loita”
Durante as mobilizacións desenvolvidas ao longo da mañá de hoxe en Vigo, Lugo, A Coruña, Ferrol, Santiago, Carballo e Ponteceso coincidindo co novo paro de 24 horas convocado pola CIG unha das consignas que máis se escoitaron foi “Fabiola, escoita, estamos en loita”, expresión da indignación que senten as traballadoras do sector de coidados tras as declaracións da conselleira de Política Social.
A este respecto, a CIG acusou onte a responsábel de practicar “machismo institucional” ao manter a maioría de mulleres traballadoras “en condicións laborais indignas, con salarios baixos e contratos precarios”, respondendo deste xeito ás graves afirmacións expresadas pola conselleira criminalizando a loita dos SAF e das residencias de maiores e centros de día privados. “Sorprende a absoluta falta de sensibilidade dunha conselleira responsable da precarización dun sector de coidados entregado ao lucro empresarial e no que acontecen sucesos tan graves como a recente morte da compañeira Teresa no SAF do Porriño”.
Dende a central insisten en que “reivindicar, protestar ou manifestarse non é acosar” e lembran que as traballadoras meses mobilizándose de forma pública, pacífica e argumentada. “As protestas en actos institucionais son lexítimas e forman parte da liberdade sindical e de expresión. Son parte das ferramentas que teñen as milleiras de mulleres que prestan servizos de atención nos coidados as persoas dependentes”.
Polo que rexeitan e condenan que se intente criminalizar as protestas sociais e as xustas reivindicacións das traballadoras deste sector, “porque non é aceptábel dunha máxima responsábel política pretender presentarse como vítima confundindo crítica e defensa dos dereitos laborais con ataques persoais, nunha clara estratexia para intentar tapar as consecuencias da súa nefasta xestión”.