Asinado o novo convenio de hostalaría de Ourense con avances en permisos, festivos e salarios
CIG-Ourense vén de asinar, xunto coa UGT, o novo convenio colectivo da Hostalaría da provincia de Ourense, que rexerá as condicións laborais do sector nos próximos anos. Trátase dun acordo que introduce melloras salientables en dereitos laborais, especialmente en materia de licenzas retribuídas, compensación dos festivos, e salarios.
Segundo explica a secretaria comarcal, Xulia González, a CIG participou activamente na negociación, representando con firmeza as demandas do persoal da hostalaría da provincia. Entre as melloras recollidas no convenio salienta as licenzas retribuídas ampliadas (por riba do Estatuto dos Traballadores), con 5 días hábiles por falecemento de parentes de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, incluíndo parellas de feito e 3 días hábiles no caso de parentes de segundo grao, que serán 4 días se hai desprazamento.
González apunta tamén á mellora no relativo a festivos traballados: voluntarios e compensados. Explica que o convenio contempla 17 festivos anuais (14 oficiais + 3 propios) e que traballalos é voluntario. Ademais nese caso, a persoa traballadora elixe entre cobro ao 200% do salario diario, ou 2 días de descanso compensatorio por cada festivo traballado.
A secretaria comarcal da CIG de Ourense destaca, canda isto, os incrementos salariais progresivos para recuperar poder adquisitivo, con cláusula de revisión salarial: 2025 incremento do 5 % , 2026 incremento do 2,50 %, e 2027 incremento do 3,50%.
Se o IPC correspondente ao ano 2025 fose superior ao 2,5%, esa diferenza repercutirá nos salarios do 2026. E se o IPC correspondente ao 2026 fose superior ao 3,5%, a diferenza repercutirá nos salarios do 2027.
Outras melloras
Para Xulia González, “este convenio é un avance máis na dignificación das condicións laborais da hostalaría, grazas á negociación firme da CIG”. Porén, a CIG-Ourense mantén unha postura crítica, xa que o convenio “por si só non garante a aplicación real dos dereitos, pois moitas empresas do sector seguen incumprindo sistematicamente a normativa laboral”.
González valora que “a realidade segue sendo dura, con contratos a tempo parcial con xornadas completas, horas extra non retribuídas nin cotizadas, presión constante sobre o persoal”. Por iso entende que o convenio é só unha ferramenta, mais que “a loita diaria e a organización son imprescindibles”.
Desde a CIG-Ourense fan, ante isto, un chamamento á organización do persoal, á denuncia dos abusos e ao coñecemento dos dereitos conquistados, reafirmando o seu compromiso co traballo digno, a legalidade e a xustiza laboral no sector da hostalaría.