Asinado un acordo que mellora as condicións das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Vedra

Terán xornada semanal de 37,5 horas, aumento dos días de asuntos propios e do pago da quilometraxe
Vedra - 16 Out 2020

Esta mañá asinábase (no marco do AGA) o acordo polo que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Vedra verán melloradas as súas condicións laborais e económicas. O pacto acadado entre a representación social e a empresa que xestiona o servizo, Atendo Calidade, supón un avance no recoñecemento e a dignificación do traballo de coidados, que segue a estar totalmente desvalorizado malia ser unha necesidade básica para o conxunto da sociedade.

Por mor deste acordo, as traballadoras pasarán a ter unha xornada laboral de 37,5 horas semanais (agora está nas 39 horas); increméntanse os días de asuntos propios, que pasan de catro a nove; establécense como festivos o 24 e o 31 de decembro e o día de Santa Rita (patroa do persoal empregado público); e increméntase o prezo da quilometraxe até os 0,25€/km, xa que actualmente a compensación polos desprazamentos entre fogares é de 0,18€/km, moi por debaixo do custe real e esta diferenza estana asumindo as traballadoras do seu peto. 

Estas melloras implantaranse de xeito progresivo nos próximos tres anos, até conseguir o 100% en 2023.

Recoñecemento ao traballo realizado

Roberto Alonso, da Executiva nacional da CIG-Servizos, valorou positivamente o acordo pois “supón un recoñecemento ao traballo realizado por estas mulleres", destacando principalmente "o sacrificio feito por elas durante a pandemia". Neste senso, denuncia a elevada precariedade na que, de maneira xeneralizada, se prestan os servizos de axuda no fogar, polo que demanda das empresas que constitúan a patronal para poder negociar o convenio galego, paralizado dende o ano 2010, "e avanzar así na mellora das condicións laborais e salariais e na dignificación deste colectivo formado de maioritariamente por mulleres".