“Barreras solución, Xunta implicación!”

A CIG-Industria volveu mobilizarse hoxe ás portas do estaleiro vigués
Vigo - 10 Dec 2019

Barreras solución, Xunta implicación” foi de novo o berro que máis se escoitou na protesta desenvolvida hoxe pola CIG-Industria ás portas de Barreras en Vigo. A central reclámalle ao Goberno galego que tome cartas no asunto dunha vez por todas na busca de saídas urxentes e definitivas á grave crise que atravesa o primeiro estaleiro privado do Estado español, até o punto de que a súa continuidade está en serio perigo.

Dende a representación da CIG na empresa agradeceron o apoio das ducias de delegados/as sindicais doutras compañías que participaron na concentración que se desenvolveu de 10:30 a 11:30 horas nas instalacións de Beiramar, ao tempo que denunciaron unha total falta de información, xa que nin a dirección nin a Xunta dan conta das negociacións que se están a producir entre a actual propiedade e o grupo interesado na adquisición do estaleiro.

“Dentro da empresa ninguén di nada, só que continúan a entregar a documentación que se lles require e seguen a voltas coa famosa auditoría, que aínda non se fixo; a Xunta quere saber o estado das contas, pero tampouco encarga unha auditoría; e mentres segue a pasar o tempo, continuamos sen actividade e as prazos e os cartos vanse rematando; precisamos unha implicación real do Goberno galego, que foi o que facilitou a entrada de Pemex no accionariado”, sosteñen.