Carrefour de Lugo antepón o negocio á saúde das/os traballadoras/es e das clientas/es

A empresa ordena descargar palés nos corredores sen manter a distancia de seguridade
Lugo - 31 Mar 2020

A representación da CIG do Carrefour Lugo alerta da situación que se está a vivir estes días neste centro de traballo a causa da falta de medidas de protección fronte ao coronavirus e o desleixo absoluto da empresa para garantir a seguridade do seu persoal, as súas familias e a clientela. Denuncian que de nada vale organizar un dispositivo para manter a distancia recomendada no acceso da clientela ao hipermercado, "se a porta pechada os traballadores e as traballadoras estamos amoreadas nos corredores para poder sacar as mercadorías dos palé e repoñela nos estantes".

"As medidas preventivas de seguridade ante o contaxio non se están a cumprir e resulta imposíbel manter a distancia de seguridade de 2 metros cando as ordes de disposición da mercadoría que chega son que dúas persoas por palé e a distancia entre palés son de 20 centímetros", advirten dende a sección sindical da CIG.

Esta situación foi comunicada á encargada da organización do proceso de reposición que  se limitou a contestar que "o primeiro era a reposición", deixando nun segundo lugar á saúde das persoas, así como a dirección da empresa que o único que fixo foi recordarnos cales son as medidas preventivas. Unha resposta que a CIG considera unha tomadura de pelo cando Carrefour non está aplicando ningunha destas medidas.

Isto está a xerar un enorme estrés e nerviosismo "pola inseguridade na que estamos traballando e a falla de responsabilidade por parte desta dirección ante o que está ocorrendo", engaden. Máis aínda cando a diario aparecen noticias do incremento dos contaxios entre os traballadores e as traballadoras do sector de alimentación.

"Non todo vale polos cartos"

Por iso, a CIG reclama da dirección de Carrefour que tome de inmediato medidas a este respecto porque "estamos pondo en risco a moitas persoas traballando sen protección".

A este respecto, salientan que hai que garantir o subministro de alimentos e materias de primeira necesidade cidadanía pero que isto non pode usarse como coartada para que a multinacional engorde os seus beneficios nin pode supor pór en risco a saúde das persoas.  "Non todo vale polos cartos, estes directivos cobran primas por ventas e algún nin traballa aquí, así que pouco lle importa o que nos pase", conclúen.