Carrefour Lugo condenado a abonar 2700€ a un traballador por vulnerar os seus dereitos de conciliación

A empresa denega por sistema reducións de xornada e concrecións horarias
Lugo - 30 Nov 2020

O Xulgado do Social nº2 de Lugo condenou  a Carrefour a abonar 2700€ en concepto de danos morais a un traballador por vulnerar os seus dereitos de conciliación laboral e familiar. Este é un exemplo máis do proceder da multinacional da alimentación que, de maneira sistemática, denega as solicitudes de redución de xornada e concreción horaria por garda legal, obrigando o persoal a ter que acudir aos xulgados para poder conciliar e atender as súas obrigas de coidado.

As delegadas e delegados da CIG no Carrefour de Lugo denuncian "o calvario co que nos atopamos as traballadoras e os traballadores para poder acceder a unha redución de xornada nos termos que precisamos para atender as nosas fillas ou fillos". Neste caso concreto, o traballador xa tivera que acudir ao xulgado para que a empresa lle concedera a concreción horaria que necesitaba e agora tivo que volver, porque Carrefour lle deu unha prórroga da redución mais mudando as condicións desta, ao incluírlle na xornada o traballo en domingos e festivos de apertura autorizada e os días de inventario.

"Carrefour utiliza todo tipo de artimañas e todo lles vale para tratar de impedir os nosos dereitos, recorren a escusas sen fundamento e incluso faltando a verdade", critican. Neste senso, a representación da CIG salienta que a empresa ten todas as posibilidades para poder acceder ás peticións de redución e concreción horaria "sen perturbar o normal funcionamento da tenda, pero sistematicamente se negan, iniciándose neses intres o martirio para os pais e nais de ter que recorrer os tribunais a escoitar como argumentan con falacias e mentiras que non poden atender as peticións nos termos solicitados".