Carrefour Lugo incrementa un 25% o custe das comidas para o seu persoal

A sección sindical da CIG rexeita esta suba inasumíbel e lembra que os salarios das traballadoras e traballadores só medraron un 2%
Lugo - 09 Mar 2026

A dirección de Carrefour Lugo comunicou un incremento do 25% no prezo das merendas e almorzos que o persoal traballador toma na cafetería xestionada pola propia empresa neste centro comercial. A sección sindical da CIG denuncia que se trata dun aumento desorbitado “para uns salarios moi precarios” e que contrasta coa miserenta suba salarial do 2% que se lle aplicou este ano as traballadoras e traballadores do sector.

“Dannos cunha man e quítannos coa outra”, resume a representación da CIG, salientando que non existe outra alternativa onde o persoal poida ir xantar ou merendar, a causa da situación illada do hipermercado de Lugo. “Se seguimos así imos ter que pagar por ir traballar”, advirten.

Critican que con esta subida a empresa está precarizando aínda máis as condicións laborais, nun momento no Carrefour vén de presentar beneficios millonarios no Estado español, “sendo o estado onde mellores resultados acadan de todo o mundo”. Por iso, reclámanlle a Carrefour Lugo que recúe nesta decisión, deixe de precarizar o seu persoal e aposte pola dignificación das condicións de traballo.

Campaña da CIG contra a precariedade e o traballo obrigado en domingos e festivos

A CIG-Servizos ten en marcha unha campaña contra a precariedade laboral e salarial no sector dos grandes almacéns (convenio polo que se regula Carrefour) e contra a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos, sen ningún tipo de compensación a cambio e mesmo incumprindo o descanso semanal regulado por lei. A central desenvolveu concentracións o pasado venres 6 de marzo en centros Carrefour da Coruña e Lugo, no Corte Inglés de Vigo e en tendas Alcampo de Ferrol, Santiago e Vilagarcía.

As protestas terán continuidade o próximo venres 27 de marzo e xa está convocada unha xornada de folga o xoves 2 de abril (Xoves Santo), que é festivo de apertura no comercio.

Con esta campaña a CIG reclama unha serie de medidas urxentes para reverter a precariedade, que deben incluír:

  • Incremento dos cadros de persoal convertendo xornadas parciais en completas e garantindo a contratación do persoal necesario para evitar a sobrecarga laboral.
  • Limitación efectiva do traballo en domingos e festivos estabelecendo cláusulas nos convenios que garantan a voluntariedade de traballar nesas datas, con compensacións reais e respectando descansos semanais e a conciliación.
  • Acordos nos centros de traballo con compromisos firmes por parte das empresas de mellorar as condicións laborais.
  • Salarios xustos que recoñezan o valor do traballo con incrementos que acaden para poder vivir dignamente.