Carrefour Lugo, obrigada a converter en indefinidos contratos eventuais en fraude de lei

Tras a denuncia presentada pola Sección Sindical da CIG na Inspección de Traballo
Lugo - 20 Set 2017

O pasado mes de xuño a Sección Sindical da CIG no Centro Comercial Carrefour de Lugo presentaba diante da Inspección de Traballo unha denuncia pola fraude na contratación que a empresa estaba a realizar, mediante  un sistema de contratacións eventuais rotativas para cubrir postos que son estruturais. Estes postos pertencen fundamentalmente ás sección de gasolineira e caixas.

Tras a actuación da Inspección de Traballo, Carrefour veuse na obriga de converter xa varios contratos deste tipo en indefinidos.

Desde a CIG de Lugo-A Mariña amosan a satisfacción polo feito de que a empresa comece e corrixir esta situación, mais instan a Carrefour a que regularice a indefinidas todas as contratacións en fraude. Neste senso, o secretario comarcal, Antonio Niño, advirte que a CIG estará "vixilante e en alerta para que estas situacións de fraude na contratación, impropias dunha empresa da dimensión de Carrefour, non se volvan a producir".

Igualmente, desde a Sección Sindical da CIG lamentan que FETICO, sindicato con maioría no comité de empresa, non tivera dado ningún paso na defensa destes traballadores e traballadoras.