Centos de persoas ateigan o Obradoiro para que se garanta o dereito a vivir en galego

Queremos Galego exixe “un compromiso real e efectivo” dos poderes públicos coa nosa lingua

Nacional -

A defensa da nosa lingua. A demanda de que se garanta o dereito a utilizala na escola, no traballo, na vida diaria. A exixencia dun compromiso real e efectivo de todos os poderes públicos coa súa normalización “para avanzarmos na xustiza para o galego e a igualdade para as persoas galegofalantes”. Un uso normalizado da nosa lingua “sen medo”, “sen coaccións”e “con toda a dignidade”. Isto proclamaron as centos e centos de persoas que ateigaron neste Día das Letras Galega a Praza do Obradoiro.

Unha xornada atípica por mor dunha pandemia que, tamén aquí, tamén hoxe, obrigou a reducir o aforo para garantir o cumprimento das medidas sanitarias. Limitacións que non impediron que a voz da actriz Isabel Risco, que conduciu o acto, a música das gaitas e de Xiao Berlai e as reivindicacións do portavoz da plataforma cidadá, Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, inundaran un Obradoiro cheo de xente no que, malia isto, se respectaron escrupulosamente as distancias de seguridade.

O dereito a vivir na lingua “un dereito humano”

Foi precisamente Maceira quen albiscou “un futuro próximo onde a galega sexa a lingua empregada por meniños e meniñas, por vellos e vellas, por todas as persoas, sexa cal for a súa ideoloxía, condición social, económica ou calquera outra, sen ningún impedimento para o facer por ser a lingua naturalmente dispoñíbel en todo” e quen lembrou que o “dereito a vivir na lingua propia é un dereito humano”.

Nese sentido subliñou que así o contemplan a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Pacto Internacional polos Dereitos Civís e Políticos, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou a Carta Europea das Linguas e que por iso se vén mobilizando a sociedade galega apoiando as accións da MNL e conseguindo que ONU e Consello de Europa lembrasen a obriga da Xunta e do Estado de  cumpriren estes acordos internacionais.

O portavoz da plataforma cidadá, da que fai parte a CIG, augurou ademais que o pobo galego reverterá “a tendencia negativa” para a lingua e mellorará o seu desenvolvemento social, económico e cultural. Un cambio de rumbo para o que considerou necesario “contar cunha sociedade comprometida e identificada consigo propia mais tamén con institucións que a acompañen”.

Maceira denunciou, en todo caso, que “40 anos de autonomía non garantiron a posibilidade de emprego da lingua propia con total liberdade, sen restricións, con presenza absoluta na administración pública, na empresa, na vida social ou cultural. Sen coaccións que obriguen a optar por outra lingua renunciando á propia”.

 

Lingua silenciada no sector audiovisual

Marcos Maceira denunciou que nas plataformas audiovisuais o catálogo global é de 25.872 títulos en español e outras linguas, só 25 en galego, só o 0,4 dos xogos e xoguetes distribuídos no mercado en Galiza teñen algo en galego; que existen certames académicos financiados con diñeiro público que vetan a posibilidade de participación a quen non presentar en español os seus traballos; que a posibilidade de interlocución en  galego co funcionariado está sometida á arbitrariedade; que o Servizo Galego de Saúde negou atención en galego en plena pandemia, vulnerando o dereito ao uso do galego mais tamén o dereito a saúde; que a porcentaxe de galego na grella televisiva é do 4% ou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, na súa memoria anual recoñece que só procederon á revisión lingüística en galego de 145 documentos dun total de 330.956.

E se isto non fose abondo, denunciou que “o galego continua prohibido no ensino das matemáticas, a física e química e a tecnoloxía”; que se lle nega á mocidade galega o dereito ao coñecemento e ás competencias básicas na lingua do seu país e que se restrinxe a posibilidade de incorporación ao galego do 24% de mozos e mozas “incapaces de o falaren”. Unha situación que se dá mentres a Xunta segue a negarse a “sequera ouvir a única proposta que conta cun apoio amplo na comunidade educativa e que cumpre con todos os requisitos legais para garantir o ensino integramente en galego: a proposta feita pola MNL xunto ás principais organización sindicais do ensino, os movementos de renovación pedagóxica e as ANPAS”.

Lingua sostida “na forza da sociedade”

O portavoz de Queremos Galego chamou ademais a atención sobre o feito de que “somos a única nación do Estado na que a lingua está sostida exclusivamente na forza da sociedade, sen goberno e soporte institucional que acompañe” e valorou que “é a sociedade quen está a atenuar, en solitario, os efectos da desigualdade e de falta de liberdade plena para vivir en galego”.

Fronte a isto considerou que sería enorme o efecto inmediato na posibilidade de uso do galego, “só con que todas as administracións reclamasen pólizas de seguros, información e xestións bancarias, sinaléctica... en galego”. Mais lembrou que até hoxe foi a presión e a vontade popular “quen conseguiu os pequenos avances para o idioma tentando vencer obstáculos de todo tipo” e que se hai galego en certos espazos “é porque hai presión social para conseguilo, e se os retrocesos que se produciron non foron maiores, máis intensos e agresivos é porque houbo persoas, organización sociais e movemento para impedilo”.

Como exemplo puxo a recente aprobación, por unanimidade, da Iniciativa Xabarín polo Parlamento galego. “Non foi a Xunta de Galiza, que ten a obriga legal de garantir a presenza do galego e a súa promoción quen actuou para garantir o acceso aos contidos audiovisuais para a mocidade cunha canle Xabarín ou con dobraxe e lexendaxe en TVE e nas plataformas como Netflix, ou HBO. Foi o esforzo de centos de persoas que recolleron sinaturas ou ofereceron os seus estabelecementos para facelo posíbel”.

Marcos Maceira concluíu que coa demanda de que “queremos vivir en galego” e que as galegas e galegos de todas as idades “podamos acceder a contidos no noso idioma nas televisión e nas grandes plataformas, non debería ser unha opción do audio, tería que ser un dereito. Nun mundo cada vez máis global Galiza non pode ser un territorio de exclusión. Queremos poder ver ficción internacional en galego e que os de fóra tamén podan ver ficción galega en galego e nas súas linguas. Queremos unha canle Xabarín para que as nenos e as nenas poidan ver contidos en galego”.

Volver