Persoal do Sergas e usuarios/as maniféstanse para esixir contratación estábel na sanidade

Reclaman condicións dignas como garantía dunha atención asistencial de calidade

Nacional -

Baixo a consigna "a nosa estabilidade é a túa seguridade", centos de persoas manifestáronse este sábado polas rúas de Compostela para esixir da Xunta que remate coa precariedade laboral que padece o persoal do SERGAS e que dote á sanidade pública dos traballadores e das traballadoras necesarias para atender con garantías a demanda asistencial.

A mobilización, que foi convocada polas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial (CIG-Saúde, CCOO e UGT) e os diferentes colectivos de persoal do SERGAS, saíu pasadas as doce do mediodía da Alameda de Compostela e percorreu as rúas do centro de Santiago até rematar na Praza da Quintana onde se procedeu a dar lectura a un manifesto.

Ao remate, un grupo de traballadores e traballadoras do SERGAS achegouse até as portas do edificio administrativo de San Caetano onde deixaron roupa vella de traballo en sinal de protesta polas precarias condicións laborais que levan aturando dende hai anos e esixir que se valorice o seu traballo cunhas condicións dignas e uns contratos estábeis .

Condicións dignas para ter unha atención de calidade

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, subliñou que despois de 10 anos sufrindo as políticas de recortes de Feixoo, "a poboación ten dereito a recibir unha asistencia sanitaria de calidade" e os traballadores e as traballadoras "a ter unhas condicións dignas e estabilidade no emprego. Porque da estabilidade laboral depende a seguridade na prestación dos coidados", aseverou.

Neste senso, recalca que cambiar todos os días o persoal provoca un deterioro da calidade na prestación asistencial e pon en perigo a saúde de doentes e traballadoras/es. Algo que se evidenciou na actual pandemia da Covid19, ao converterse o persoal sanitario en vector de contaxios por mor da elevadísima rotación que sofren.

Diante desta realidade, Abuín reclamou do Goberno galego "que cumpra coas súas obrigas, porque Feixoo está pedindo a Madrid que remate coa taxa de reposición, pero non aclara que vai facer despois nin como vai acabar coa precariedade laboral no SERGAS".

A este respecto lembrou que inestabilidade que padece o persoal non "é a consecuencia das limitacións na cobertura das prazas, senón da política sanitaria e de emprego que vén aplicando o PP, fraccionando contratos por días e por horas e negándose a dar estabilidade a colectivos como o persoal investigador, que dependen da Xunta".

Por iso, apelou á necesidade de que o Goberno do estado poña fin á taxa de reposición e permita que se convoquen, nos procesos selectivos, as prazas vacantes non cubertas desde o ano 2010; mais  reclamou da Xunta un cambio radical nas súas políticas laborais, que negocie unha orde de vínculos para que o persoal sexa contratado pola causa que motivou a contratación e que todas as contratacións se oferten respectando o pacto de contratacións e tendo en conta ao persoal que xa está nas listas.

Xunto a isto, urxiu á negociar na Mesa Sectorial un plano de emprego que permita consolidar o 100% das prazas vacantes desde o ano 2009; así como negociar un sistema que permita coñecer a situación real do cadro de persoal do SERGAS: canto persoal é fixos, interinos, eventual cubrindo prazas estruturais, eventual fóra de cadro de persoal, xubilacións,...

Finalmente, reivindicou a publicación de inmediato das listas de contratacións de persoal facultativo dos hospitais e que o SERGAS negocie o plan de continxencias da Covid19 respectando o dereito á conciliación do persoal.

Volver