Centos de persoas traballadoras do sector de coidados e atención reclaman condicións laborais dignas
Na protesta denunciouse a precariedade na que o persoal ten que prestar estes servizos esenciais e demandouse a creación dun Servizo Público Galego de Atención ás Persoas
Centos de persoas traballadoras do sector de coidados, formación e protección ás persoas, tanto público como privado, manifestáronse este sábado polas rúas de Compostela para reivindicar condicións laborais e salariais dignas, que se recoñeza a súa profesionalidade e o traballo esencial que realizan, así como poder prestar unha atención de calidade ás persoas usuarias. Na protesta, que partiu da Alameda e rematou en Praterías, tamén se reclamou a creación dun Servizo Público Galego de Atención ás Persoas dotado de todos os recursos e medios necesarios.
Esta manifestación fai parte do calendario de mobilizacións que o persoal das escolas infantís 0-3 anos, centros de protección a menores e reforma xuvenís, residencias de maiores, centros de día, centros de noite, vivendas tuteladas e fogares residenciais, centros de atención á diversidade, Servizos de Axuda no Fogar, equipos de valoración da discapacidade e dependencia, atención temperá á discapacidade e dos equipos de protección da infancia, leva anos desenvolvendo contra as políticas de desmantelamento, privatización e precarización aplicadas polo Goberno do PP na Xunta.
Cuestións tan básicas como contar con convenios colectivos galegos, actualizados, con táboas salariais que superen, por fin, o SMI e que contemplen condicións laborais acordes coa relevancia social do traballo que desenvolve; a baixada das rateos para garantir unha atención adecuada; o reforzo dos cadros de persoal nos centros e nas equipas de valoración; poder traballar en condicións seguras; a inclusión da etapa 0-3 anos no ámbito educativo e na responsabilidade da Consellaría de Educación; ou dispor de formación específica e de persoal especializado, foron algunhas das demandas que se escoitaron ao longo do percorrido.
Porén, até agora as reivindicacións sociais para que se recoñezan condicións de traballo e salariais xustas e unha atención decente ás persoas usuarias, toparon de fronte co desleixo da Consellaría de Política Social e da Consellaría de Educación e cunha Xunta de Galiza que, ano tras ano, aproba un orzamentos que non recollen ningunha das melloras reclamadas.
Por iso as organizacións convocantes da mobilización, CIG, CUT e SNEP, xa avanzaron que, de proseguir esta inacción do Goberno galego, non se descarta a posibilidade de convocatorias de folga nos sectores afectados en datas próximas.
"Despois de anos pedíndolle á anterior conselleira, Fabiola García, unha simple reunión para abordar toda a problemática destes sectores non recibimos resposta. Hai 15 días solicitamos unha xuntanza coa nova responsábel, Ángeles Vázquez, e seguimos sen ter reacción", criticou Rebeca Quintillán, do sector de Autonómica da CIG-Administración.
No mesmo sentido, Henrique García, responsábel de ensino privado da CIG-Ensino, instou a Vázquez e a Román Rodríguez, conselleiro de Educación, a escoitar as lexítimas reivindicacións do persoal e apuntou á responsabilidade do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que ten convertido estes sectores en "auténticas fabricas de conflito" a causa da precariedade laboral, salarial e asistencial.
Como exemplo da absoluta desatención na que a Xunta de Galiza mantén aos sectores de coidados, Carlos Alján, secretario nacional da CIG-Servizos, expuxo a negativa do Goberno galego a asinar o protocolo para a Prevención e Actuación ante Situacións de Violencia Laboral Externa no SAF e o documento de compromiso que garante a súa aplicación, deixando este acordo en “papel mollado” para as traballadoras, nun sector que, ademais, ten o convenio caducado dende hai 15 anos.
"Os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna e os coidados, a formación, a protección e a saúde das persoas vulnerábeis non pode seguir gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos”, incidiuse.
A CIG exixiu que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas deixen de ser unha actividade socialmente pouco valorada e en condicións precarias, para pasar a ser considerados servizos esenciais a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para todo o persoal traballadoras.
Nesta liña, as tres organizacións sindicais defenderon a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que preste todos estes servizos, con dotación suficiente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e que se dignifiquen as condicións laborais e salariais de todo o persoal.
Ao remate da manifestación, na Praza de Praterías, unha representante de cada un dos sectores afectados, tanto no ámbito público como privado, leu un manifesto no que se recollen as principais reivindicacións que pasamos a describir.
Sector de discapacidade
Reivindicacións comúns ámbito público e privado:
Baixada das ratios, tanto na idade escolar coma adulta, por unha atención de calidade.
Maior dotación de recursos humanos e materiais, para unha integración real.
Máis profesionais especializados na atención directa (terapeutas, fisios, educadoras,...).
Dignificación salarial: garantindo IPC futuro e recuperando o poder adquisitivo perdido.
Incremento dos centros públicos e por especialidades, evitando centros aparcadoiro e macrocentros con toda diversidade de usuarios.
Cómputo diferenciado da ratio para o persoal de atención directa en todas as quendas de traballo, suprimindo o actual sistema de cómputo global que desatende situacións como por exemplo, as quendas de noite ou de fin de semana.
Reivindicacións específicas do ámbito privado:
A aplicación inmediata, e con mellora, dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións.
Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa negociación dun Complemento salarial autonómico, así como melloras laborais e sociais que camiñen cara un convenio digno e xusto do sector na Galiza.
Reivindicacións específicas do ámbito público:
EVO (Equipo Valoración e Orientación - discapacidade):
Reducción de ratios e ampliación do cadro de persoal
Adecuación dos espazos: Son moi reducidos, falta intimidade.
Sector de menores
Reivindicacións comúns ámbito público e privado:
A negociación inmediata do DECRETO 329/2005, do 28 de xullo, por obsoleto e camiño dunha baixada de ratios axustada a realidade e necesidades dos centros, dotándoos de máis persoal especializado, que melloren a calidade na atención aos menores; así como unha actualización da clasificación dos centros de menores por tipoloxías, claramente definidos.
A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal traballador como para as persoas menores.
A Dignificación salarial: garantindo IPC futuro e recuperando o poder adquisitivo perdido.
O incremento dos centros públicos e por tipoloxías, respectando a definición de cada tipo de centro e o perfil dos usuarios e usuarias axeitado a cada un deles.
Formación específica e periódica para a actualización de profesionais dos centros de menores.
A formación (100h./ano) e o tempo de programación didáctica (5h./semana) dentro da xornada laboral, imprescindibles para unha atención educativa á infancia de calidade.
Reivindicacións específicas do ámbito privado:
Que se cumpra coa totalidade do pago por parte da administración ás Asociacións e estas, coa aplicación inmediata a todo o persoal traballador desde a publicación no BOE do “acordo retributivo equiparador autonómico galego”, recentemente asinado pola parte social e patronal do sector de menores, para así cobrar as táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos, ou até setembro de 2029 como di o convenio.
O recoñecemento dun complemento salarial autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que mellore e dignifique salarios actuais do V convenio e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros, sen ter que esperar a setembro de 2029 para dita homologación. Negociación doutras melloras laborais e sociais que camiñen cara un convenio digno e xusto do sector na Galiza.
Reivindicacións específicas do ámbito público
O recoñecemento de autoridade pública a todo o persoal técnico, tanto do centro coma das equipas, dotando o servizo de apoios precisos polo medre das actividades extraescolares.
Nas equipas do menor: Protección física e xurídica no exercicio das súas funcións; ampliación dos cadros de persoal pola sobrecarga de expedientes
No persoal propio da Consellaría de Educación: Persoal auxiliar coidador dos centros de ensino: Aprobar un acordo que recolla as funcións e condicións dos seus postos de traballo. Este persoal ten dereito a exercer nos seus centros de traballo unha serie de funcións que se están reguladas baixo un acordo, non produciría diferenzas dun centro a outro.
Centros de Educación Especial con persoal acaído como poden ser educadores/as sociais e Persoal auxiliar coidador.
Sector Primeiro ciclo de educación infantil 0-3
Reivindicacións comúns ámbito público e privado:
O primeiro ciclo de Educación Infantil debe encadrarse na Consellería de Educación da Xunta de Galiza. Resulta incoherente que unha etapa recoñecida pola lexislación como educativa continúe fóra da estrutura educativa ordinaria.
A dotación da parella educativa e de máis recursos materiais nas escolas.
Un calendario escolar para as escolas infantís que garanta a conciliación familiar, entendida non só como a compatibilidade entre o traballo e o coidado, senón tamén como o dereito das familia a compartir tempo de calidade coas súas crianzas.
A negociación inmediata do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, por obsoleto e camiño dunha baixada de ratios axustada a realidade dos centros e a orde da carta social Europea.
A formación (100h./ano) e o tempo de programación didáctica ( 5h./semana) dentro da xornada laboral, imprescindibles para unha atención educativa á infancia de calidade.
A promoción da lingua propia da Galiza nas escolas infantís, que garanta a aprendizaxe e a inmersión lingüística para a cativada nesta etapa de adquisición da fala.
O recoñecemento do risco biolóxico para o embarazo para todas as traballadoras do 0/3 e dalas en suspensión de contrato por risco dende o momento que comunican o embarazo (sentenza Consorcio).
A Dignificación salarial: garantindo IPC futuro e recuperando o poder adquisitivo perdido.
Reivindicacións específicas do ámbito privado:
A unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta.
A creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento salarial autonómico, que dignifique salarios, así como melloras laborais e sociais que camiñen cara a un convenio digno e xusto do sector na Galiza.
Sector de residencias, centros de día, centros de noite, vivendas tuteladas e fogares residenciais
Equiparación coas condicións laborais e salariais do sector público.
Protocolos de seguridade ante violencia de igual forma que hai no sector público.
Dotación de recursos e persoal con formación necesaria para a atención á diversidade e adaptadas a tipoloxía e ou patoloxías das persoas usuarias, coa finalidade de garantir a protección dos dereitos das persoas usuarias así como a seguridade das persoas traballadoras.
Cómputo diferenciado da ratio para o persoal de atención directa en todas as quendas de traballo, suprimindo o actual sistema de cómputo global de desatende situacións como por exemplo, as quendas de noite ou de fin de semana.
Sector servizos de axuda no fogar
Debido a disparidade nas condicións laborais entre o privado e o público ao seren de ámbito municipal, débense equiparar as condicións entre ambos en materia salarial, de xornada e demais condicións sociais.
Dado que o convenio galego do sector está en situación de ultra-vixencia dende o 31 de decembro de 2011 unicamente con revisión salarial anual do IPC, débese negociar o mesmo no camiño da conversión ao sector público de competencia autonómica, cara a súa integración na rede galega do servizos de atención as persoas.
O persoal auxiliar reclama ás administracións a dignificación do Sector.
]Equiparación salarial ao grupo C2 da Xunta de Galiza en función da titulación requirida.
Recoñecemento de todas as horas traballadas (incluíndo dentro da xornada os desprazamentos entre domicilios para o persoal da administración pública).
Garantir que a contratación a tempo parcial sexa sempre a xornada continua e cun mínimo de 30 horas semanais.
Maior estabilidade, cobertura tanto de vacantes como das baixas.
Garantir o exercicio efectivo de permisos e vacacións.
Adopción de protocolos de seguridade laboral fronte os riscos de violencia nos domicilios.