CIG-Administración insta a convocatoria das Mesas de Negociación e identificar as prazas susceptíbeis de estabilización

Reitera que non se poderá atallar a temporalidade no emprego público mentres haxa taxas de reposición
Nacional - 26 Xan 2022

Tras a aprobación da Lei 20/2021 de medidas para a redución do emprego no sector público, que establece como prazo até xuño deste ano para a convocatoria dos procesos, a CIG-Administración Pública insta as distintas Administracións a que convoquen o sindicato nacionalista ás Mesas de Negociación e a que identifiquen de inmediato as prazas que son susceptíbeis de estabilización.

 A federación da CIG reitera o seu posicionamento contrario á normativa, por canto resulta insuficiente para acabar coas elevadísimas taxas de temporalidade e para dar solución adecuada a todo o persoal que leva anos sendo vítima desta temporalidade.

Ademais dos procesos de consolidación e estabilización aos que obriga a lei, cómpren ofertas de emprego público suficientes para cubrir todas as vacantes"

Neste senso, o secretario nacional, Luis Carballo, reitera que, por moitos procesos extraordinarios de estabilización que se leven a cabo, "a temporalidade nas Administracións Públicas volverá incrementarse mentres se sigan mantendo as taxas de reposición, pervertendo ademais os procesos ordinarios de selección de persoal, que deben de respectar os principios de Igualdade, Mérito e Capacidade".

Lembra que, dende o primeiro momento, a CIG manifestou o seu rexeitamento ás limitacións na reposición de efectivos, ao impedir a cobertura das prazas estruturais e que as administracións poidan dimensionar os seus cadros de persoal en funcións das súas necesidades e orzamentos. Por iso, subliña que alén dos procesos de consolidación e estabilización aos que agora obriga a lei, cómpren ofertas de emprego público suficientes para cubrir todas as vacantes.

"É necesario un incremento de efectivos en todas as Administracións para poder garantir a prestación dos servizos públicos, pois despois de máis dunha década de recortes os cadros de persoal son escasos e están envellecidos", sinala.

A este respecto, Carballo tamén se amosa moi crítico coas organizacións sindicais UGT, CCOO e CSIF que asinaron o acordo na Mesa Xeral de Negociación que serviu de base para o texto lexislativo; "un texto moi interpretábel, que dá pouca seguridade xurídica e que vai dar lugar a moitas reclamacións. Un texto que na súa maior parte ten vocación permanente e vai seguir prexudicando tanto os traballadores e traballadoras como os opositores e opositoras".

Fronte a estes criterios, a CIG-Administración defendeu que había que ter en conta a porcentaxe de temporalidade e a orixe das prazas obxecto de estabilización, así como a forma de acceso ao emprego temporal en cada ámbito ou sector, "pois é obvio que non vale unha solución única como a que se impón agora para resolver e dar resposta adecuada a situacións tan diversas".