CIG-Autonómica demanda ao conselleiro de Facenda o cese do director xeral da Función Pública

Delegados/as concentráronse diante do edificio administrativo de San Caetano
Nacional - 03 Xun 2021

Delegados e delegadas da CIG-Administración Autonómica concentráronse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, tras celebrar unha asemblea no edificio Cersia, para demandar o cese do director xeral de Función Pública; denunciar os efectos da funcionarización; exixir o 1º e 2º grao de carreira profesional e a convocatoria do concurso de traslados xa.

No decurso da concentración a responsable do sector, Zeltia Burgos, responsabilizou ao director xeral de Función Pública “do desastre na xestión do persoal da Xunta de Galiza”, da alta temporalidade, ou da destrución de postos de traballo, “para sustentar esa administración paralela coa entrada de empresas absorbendo emprego público”.

Acusouno de precarizar, nos 13 anos que leva no posto, as condicións do persoal “mantendo os recortes das crise do 2012, paralizando a mobilidade do persoal sen a convocatoria de concursos de traslados e con promocións internas ridículas”. Mais tamén lle atribuíu a responsabilidade “do alto índice de temporalidade na Xunta, e xunto con CCOO e UGT da funcionarización obrigatoria e sen garantías, da exclusión do persoal temporal e interino da carreira profesional, da falta de proporcionalidade da mesma nos tramos e nas contías”.

Considerou que “tan só a resposta da Xustiza ante a demanda da CIG pola carreira profesional discriminatoria bastaría para esixir a súa dimisión” e lamentou que con el á fronte, a función pública galega “perdeu a oportunidade da modernización” e da renovación e ampliación dos cadros de persoal “que dean frescura a unha administración que quedou obsoleta, rancia e excesivamente burocratizada”.

Efectos da funcionarización

Xunto a isto denunciou os “efectos devastadores” dun proceso de funcionarización “a cachos, opaco e sen garantías” e preguntouse “como pode ser que teñamos que nos examinar antes de saber cal vai ser o salario e as condicións do traballo”.

Lembrou que en todo este proceso negáronse a trasladar as melloras do V Convenio Colectivo Único para a lei de Emprego Público de Galiza e, ao tempo, aproveitar para recuperar aqueles dereitos suspendidos pola vaga de recortes do 2012 como o artigo 19 e asegurou que “na CIG opoñémonos a un réxime xurídico único á baixa” da que especificou que os máis afectados son precisamente os traballadores e traballadoras dos centros residenciais, bombeiros, mar e medio ambiente... “aqueles con maior especificidade no posto con xornadas a quendas, noites, penosidade, toxicidade”, entre outras.

Por iso considerou que nestas condicións de incerteza para obrigar a funcionarizar o persoal fixo xogan dous elementos básicos: a carreira profesional e os concursos de traslados porque “salario e mobilidade quedan cortadas se se opta por non se funcionarizar, unha chantaxe á que a maioría do persoal tivo que someterse para non quedar amarrado para sempre na súa praza”. Fronte a isto afirmou que “co persoal temporal élles máis fácil: ou aceptan a conversión a funcionario/a interino/a ou a rúa”.

Críticas a CCOO e UGT

A responsable do sector da Administración Autonómica da CIG denunciou o papel de CCOO e UGT que “pactan coa Xunta e argallan na comisión de Seguimento do seu Acordo de Concertación para intentar arranxar a desfeita que provocaron” e a CSIF por buscar “facer caixa enfrontando ao persoal funcionario e laboral”.

Con todo considerou que quen marca as regras do xogo “nesta desfeita” é a Dirección Xeral da Función Pública que ten como fin último da funcionarización “precarizar as condicións laborais do persoal e abaratar o despedimento de máis de 5000 temporais e indefinidos non fixos”.

Plan de choque contra a temporalidade

Zeltia Burgos explicou que hoxe preto do 40 % do persoal da Xunta de Galiza é temporal en prazas estruturais. Unha porcentaxe que aumenta en sectores como incendios, educación, centros residenciais de política social ou en todo o Consorcio de Igualdade e Benestar. Unha situación que atribuíu ás taxas de reposición que demandou eliminar para poder recuperar o emprego perdido e poder ter OEPs co maior número de prazas.

En todo caso priorizou a posta en marcha “dun verdadeiro Plan de choque contra a temporalidade con procesos de estabilización reais” e que se negocien con criterios obxectivos as bases das convocatorias favorecendo o mantemento do emprego. “Lonxe disto a Dirección Xeral de Función Pública sigue a ignorar este problema e os procesos de estabilización e consolidación están, na práctica, a ser procesos ordinarios de selección deixando ao abeiro da decisión de cada tribunal os criterios de corte na fase de oposición”.

Carreira profesional

Respecto da carreira profesional denunciou que o directo xeral de Función Pública “agocha o segundo grao” e bloquea o acceso ao persoal temporal no sistema extraordinario. “A Xunta, CCOO e UGT acordaron unha carreira profesional excluínte, limitada, a cachos e sen garantía orzamentaria. Para máis, obriga ao persoal laboral fixo a se funcionarizar ou terá que devolver a pasta”. Unha cuestión pola que, lembrou, a CIG foi ao xulgado e gañou o primeiro grao extraordinario para todas.

Denunciou que a Xunta recorreu en casación “co fin de alongar a agonía” e que entrementres, “nada se sabe da orde de solicitude do segundo grao extraordinario que está orzamentado e do ordinario para o persoal que xa cumpre os requisitos”.

Concurso de traslados

O 7 de maio publicouse a listaxe de persoas admitidas no concurso de traslados de corpos xerais que leva un ano e medio dende a convocatoria. Burgos asegurou que doutros concursos nada se sabe, como dalgunhas escalas e corpos especiais, e xa pasaron 9 anos dende a última convocatoria e do concurso de traslados do persoal laboral 10. Unha situación da que responsabilizou aos dirixentes de Función Pública que deste xeito “vulneran dereitos nas tomas de posesión, afectan a vida do persoal e interfiren na súa promoción profesional, promovendo o clientelismo coas comisións de servizo”.