CIG-Banca rexeita a "batería de recortes" que pretende a patronal de Centros de Chamadas

Anuncia que haberá mobilizacións se "non recúa" nas súas pretensións

Nacional -

A CIG-Banca vén de manifestar o seu rexeitamento á proposta presentada pola patronal de Centros de Chamadas na segunda xuntanza da mesa de negociación do convenio colectivo, celebrada este martes, día 28 de xaneiro. Unha plataforma que “non só está lonxe das propostas da parte social, senón que é totalmente oposta” e que supón “un retroceso e unha perda de dereitos mesmo respecto do xa precario convenio anterior”.

A CIG-Banca denuncia que a patronal non amosa, sequera, “interese por resolver os problemas do persoal”. Denuncia que só procuran “aumentar os seus, xa de por si, enormes beneficios á nosa costa”.

Fronte a isto, a CIG comezou a súa exposición solicitando da patronal como compromiso inicial a non aplicación do artigo 52.d, que especifica as cuestións referidas a absentismo e que facilita o despedimento por enfermidade, mentres non sexa derrogado ou modificado polo goberno.

Neste sentido, a secretaria nacional da CIG-Banca explica que nos centros de chamadas “prodúcense baixas curtas que as empresas aproveitan para efectuar despedimentos por absentismo”. Baixas que ademais, na súa maioría, están provocadas “por afonías ou trastornos músculo esqueléticos derivados do propio posto de traballo”.

Batería de recortes

Como se pode comprobar na táboa, a plataforma presentada pola patronal “non é máis que unha batería de recortes”, afirma CIG-Banca, que denuncia que mentres por unha banda “din ter gran preocupación polos niveis de absentismo”, pola outra, “non fan nin unha soa proposta no ámbito da saúde laboral, onde nós temos a certeza de que radica o motivo do mesmo”.

Por iso, entre as propostas presentadas demanda a medición anual do risco psicosocial, “conscientes de que cando se realizan, os resultados son nefastos”. Isto xunto a limitacións na xestión das mutuas e a prohibición das empresas de control do absentismo que, segundo denuncian “non fan máis que acosarnos”.

A plataforma da CIG-Banca (anexa para poder descargar) inclúe tamén neste eido o aumento das pausas que ten que facer a xente por traballar en Pantallas de Visualización de Datos, que actualmente son 5 minutos por cada hora de traballo, para que pasen a ser de 7 minutos; tempo entre chamadas de 50 segundos, tanto para emisión como para recepción ou o recoñecemento dos trastornos da voz e músculo esqueléticos como enfermidade profesional, porque “a nosa saúde é o primeiro e non podemos consentir que xoguen con ela coma se fosemos mercadoría”.

A CIG xa advirte que diante da actitude da patronal, convocará mobilizacións para rexeitar as regresivas propostas da patronal e en demanda dun convenio digno. “Temos claro que o camiño é a mobilización e loita na rúa a curto prazo nesta negociación se a patronal non recúa nas súas pretensións de, non só non avanzar, senón retroceder unha década nos dereitos laborais, mesmo créndose co dereito a ignorar sentenzas do Tribunal Supremo”, conclúe.

 

Volver