CIG-Ensino agarda seguir defendendo a universidade pública como sindicato maioritario nas eleccións do 9 de maio
A CIG-Ensino concorre ás eleccións sindicais que se celebrarán o vindeiro día 9 de maio na universidade pública cunhas candidaturas abertas e plurais, con presenza nos 7 campus, conformadas por 81 persoas na Universidade da Coruña, 80 na de Santiago de Compostela e 68 na de Vigo. O obxectivo da central nacionalista é revalidar a súa condición de sindicato maioritario nas universidades públicas galegas.
Nas eleccións sindicais celebradas hai catro anos a CIG-Ensino obtivo 38 delegados e delegadas en total, case unha cuarta parte máis que a seguinte organización sindical. Nesta ocasión, as candidaturas confórmanas un total de 229 persoas tanto de PDI funcionario como de PDI laboral que representan a enorme pluralidade existente nos 7 campus das tres universidades galegas.
Candidaturas por universidade
En concreto na Universidade da Coruña concorren a estas eleccións 16 homes e 16 mulleres dentro da categoría de PDI funcionario con Laura María Castro Souto, profesora titular da Facultade de Informática como número 1. No colectivo de PDI laboral encabeza a lista o profesor contratado doutor da Facultade de Ciencias, Ramón Muíño Boedo, que está acompañado por 19 mulleres e 23 homes.
Na Universidade de Santiago de Compostela a candidatura de PDI, conformada por 29 persoas(15 mulleres e 14 homes), leva como cabeza de lista a Esther Martínez Piñeiro, profesora titular da Facultade de Ciencias da Educación.
Por campus a de PDI laboral de Compostela agrupa 36 persoas (19 mulleres e 17 homes) e encabézaa o tamén profesor contratado doutor da Facultade de Ciencias da Educación, Xosé Carlos Macía Arce, mentres que polo colectivo de PDI laboral de Lugo optan a representación 15 persoas (9 homes e 6 mulleres) co investigador posdoutoral, Adrián Casanova Chidana, da Facultade de Veterinaria no primeiro posto.
Por último na Universidade de Vigo, no caso de PDI funcionario a lista está conformada por 30 persoas, das cales 20 son homes e 10 mulleres, e o número 1 da mesma osténtao o profesor titular da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte de Pontevedra, Aquilino Alonso Núñez. No colectivo de PDI laboral a CIG-Ensino presenta candidaturas por separado no campus de Pontevedra e no de Ourense.
No primeiro caso optan a ser delegados ou delegadas 12 homes e 10 mulleres co investigador do programa Margarita Salas na Facultade de Ciencias do Mar, José Iglesias Prado á cabeza. En Ourense o posto número 1 neste colectivo é tamén para o profesor axudante doutor da Facultade de Educación e Traballo Social, Jesús Deibe Fernández Simo. A candidatura de PDI laboral está composta neste caso por 7 homes e 7 mulleres.
Principais eixos do programa electoral
As universidades galegas enfróntanse nos próximos anos a importantes cambios procedentes sobre todo da aplicación da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) e da Lei da Ciencia. A CIG-Ensino sempre defendeu unha negociación dentro do ámbito galego que homoxeneice o máximo posíbel o sistema universitario galego, sobre todo, como representación dos seus traballadores e traballadoras, todo o referente ao Estatuto do Persoal Docente e Investigador, polo que unha das súas principais reivindicacións é constituír unha Mesa Universitaria galega na que se terían que negociar aqueles aspectos que non dependen en exclusiva da normativa estatal.
Desde a CIG-Ensino somos conscientes que hai temas determinantes no curto prazo como son os procedementos transitorios de selección de profesorado, a nova normativa de procesos de selección e a actualización das normas relacionadas co PDI, incluído o convenio colectivo, que deberá adaptarse ás novas figuras laborais e debe dar resposta aos problemas que levaron á CIG e formular reclamacións e conflitos colectivos contra as tres universidades.
Con respecto ás condicións do persoal a CIG-Ensino presenta unha detallada táboa reivindicativa cuxo contido completo se pode consultar nesta ligazón. En calquera caso, para o sindicato é fundamental reter o talento investigador e recuperar a quen se viu forzado a marchar ante a limitación provocada por políticas restritivas como a taxa de reposición destes últimos anos, un esforzo que ten que ser prioritario nos vindeiros anos ante un avellentamento do cadro de PDI e das numerosas xubilacións que se van producir nos vindeiros anos.
Actualizar o mapa de titulacións
Así mesmo, para garantir alén da estabilidade do persoal é preciso actualizar o mapa de titulacións que se ofertan e recuperar a xubilación anticipada aos 60 anos eliminada para o PDI funcionario despois de 2011 nas sucesivas reformas do goberno aprobadas polos sindicatos estatais.
A CIG-Ensino entende que este dereito debera poder acceder todo o PDI, sen distinción, garantido que quen cumpre os requisitos de anos cotizados, por desgraza cada vez menos xente pola tardía incorporación á docencia universitaria, poidan desfrutar dos mesmos dereitos que o PDI titular e catedrático que accedeu antes desa data.
O sindicato esixe, ademais, unha maior atención á saúde laboral, tanto mediante a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais como regulando medidas de adaptación do posto de traballo para o persoal que, por motivos de saúde, non poida desenvolver a súa actividade de forma normal e pide tamén un reforzo do papel dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral dentro de cada unha das institucións universitarias.
Outra demanda do persoal que traballa nas universidades galegas, e que recolle o sindicato no seu programa electoral, ten que ver con mellorar as medidas de conciliación que permitan atender a vida persoal e os coidados,á vez que realizar a súa actividade profesional.
Entre outras accións proponse aumentar, ao igual que para o resto de traballadoras e traballadores deste país, os permisos de paternidade e maternidade, igualando primeiro en 22 semanas ambos os dous, co obxectivo de incrementalos a un ano e permitindo que as familias monoparentais poidan gozar dos dous.
Adaptar a normativa para que a redución de xornada se centre na redución de carga horaria lectiva e aumentar e mellorar a dotación de servizos sociais para as persoas, tanto que traballan como que son usuarias das universidades, son outras das medidas que van neste sentido.
Promoción da igualdade e normalización lingüística
En relación tamén coa promoción da igualdade real, a CIG-Ensino propón a elaboración e execucións de Plans que fomenten a igualdade de xénero en todos ámbitos da vida universitaria, tamén con accións dirixidas ao alumnado e ás actividades extraacadémicas.
A normalización lingüística ten un espazo moi destacado no programa electoral da CIG-Ensino. Ao igual que o resto das etapas educativas, o ensino universitario está sendo nestes intres un elemento máis que contribúe á desgaleguización da sociedade.
Como se ten denunciando en múltiples ocasións desde organizacións que traballan a prol da defensa e promoción das linguas minorizadas a presenza do galego nalgunhas titulacións e xa non digamos como lingua vehicular nas tarefas de investigación ou administrativas é practicamente irrisoria.
A CIG-Ensino lembra que é preciso cumprir a normativa vixente, tanto os estatutos que rexen o funcionamento das tres institucións, como os seus plans de normalización. Entre as accións que propón neste eido está valorizar o coñecemento do galego dentro dos procesos de selección do PDI e poñer en marcha plans de formación específicos para mellorar as competencias lingüísticas de todo o persoal que presta servizo nas universidades. Isto xunto coa galeguización da burocracia administrativa e da comunicación que veñen realizando ou o fomento e a promoción do noso idioma en todos os actos e accións dirixidas á comunidade universitaria, sexan académicas ou extraacadémicas.