A CIG-Ensino concentrase este mércores a partir das 16:30 no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, onde vai comparecer o conselleiro no Consello Escolar de Galiza para “vender” por enésima vez as cifras falsas de incremento de profesorado este curso. O sindicato lembra que o persoal docente, ao igual que o resto da clase traballadora galega, acode enfermo en múltiples ocasións ao seu posto de traballo e que o incremento das baixas e das comisións de saúde teñen de fondo a precariedade da sanidade pública, as malas condicións laborais, os novos desafíos nas aulas e o incremento da idade de xubilación, entre outras causas.
“O falso debate sobre o absentismo laboral aberto polo Partido Popular é no fondo un ataque aos dereitos de toda a clase traballadora e agora cébase co persoal docente. As declaracións de onte de Román Rodríguez -anunciando un plan para avaliar as baixas docentes e sementando a dúbida sobre se moitas delas son fraudulentas- parécennos gravísimas”.
Así se expresaba esta mañá ante os medios de comunicación Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, quen considera que non é competencia da Consellaría de Educación realizar esta avaliación, senón das diferentes inspeccións médicas existentes, á vez que lembra que “as incapacidades temporais determínaas un facultativo sanitario polo que se está sementando a dúbida de fraude tamén entre este colectivo”.
Arroxo salienta que as propias cifras da Consellaría a respecto deste asunto “bailan segundo lle interese ao conselleiro. Na entrevista na Cadena Ser deste domingo di que nos primeiros días de curso había arredor de 1.400 baixas e que a media diaria é de 3.000 mentres que en marzo deste ano, por exemplo, deu o dato de que había 2.354 docentes de baixa, cunha porcentaxe sobre o total do 7,2%, que é inferior á media galega que está no 7,4%. Dá a sensación de que hai unha intencionalidade clara de criminalizar ao profesorado con estas afirmacións”.
Así, a CIG-Ensino insta á Consellaría a analizar que hai detrás dunha tendencia que parece que vai en aumento, como tamén acontece coas comisións de saúde que xa superan ás de conciliación. Estas comisións son mecanismos que ten o profesorado para obter un destino máis próximo a onde vive, ou ben por cuestións de saúde propia ou dun familiar ou ben por coidado de fillos e fillas, e desde 2022 as primeiras aumentaron un 222%, “fiel reflexo da sociedade envellecida que temos en Galiza e da que as políticas da Xunta é tamén responsábel”, indicou Arroxo.
Sobre a “polémica das baixas” que lle interesa ao conselleiro espallar para desprestixiar socialmente ao profesorado, Arroxo indicou que está claro que hai causas estruturais que son chave para entender a que se deben, tendo en conta que a CIG-Ensino non coñece o dato nin a evolución exacta das mesmas. “Sen dúbida o profesorado non é alleo ás listas de agarda para consultas de especialistas nin para intervención cirúrxicas da sanidade pública. Esta cronificación das patoloxías pode verse tamén cando dentro das observacións que indican os centros para cubrir unha baixa aparece que será de longa duración o que indica que se trata dunha enfermidade grave ou duradeira. Pero ademais hai que analizar por que hai tantas baixas derivadas de ansiedade e non frivolizar cos trastornos de saúde mental como fixo o presidente Rueda cualificándoos de “menores”.
O estrés laboral docente -explicou- está en moitos casos relacionado co empeoramento das nosas condicións laborais (hai docentes que atenden a máis de 250 estudantes por non falar do persoal de orientación que supera os 1000, hai quen traballa en 3 centros distintos.., algo impensábel hai unha década), así como os novos desafíos nas aulas con falta de medios para atender a toda a diversidade existente e para afrontar os trastornos de saúde mental do alumnado”.
Tamén se referiu ao atraso na idade de xubilación desde o ano 2012. Actualmente o profesorado inserido no réxime da Seguridade Social é maior que o de Clases Pasivas, que aínda se pode xubilar aos 60 anos, polo que o cadro de persoal docente se avellenta progresivamente. Como exemplo Arroxo indicou as dificultades que pode ter unha mestra de infantil de máis de 65 anos atendendo a 20 nenos e nenas nunha aula e insistiu en derrubar todos os prexuízos existentes arredor da profesión docente. “O profesorado galego ao longo da súa vida laboral, como o resto da clase traballadora, acode a traballar enfermo en numerosas ocasións e son moi poucas as veces que lle prescribiron unha baixa, por certo, moitas veces vinculadas a embarazos, que parece que o conselleiro tamén obvia esa realidade”.
A responsábel da CIG-Ensino quixo aclarar, ademais, que cando o sindicato denunciou que o día antes de comezar o curso faltaban 1.150 vacantes sen cubrir poñía o foco na falta de planificación e de axilidade da Consellaría de Educación nesa cobertura porque eran coñecidas desde o 1 de setembro ou mesmo antes “polo que non é certo que se cubran dous ou tres días despois da súa comunicación por parte dos centros.
Ademais -engadiu- dentro desas vacantes hai de todo, como pode comprobar calquera persoa porque son públicas: interinidades que non se deran na adxudicación destinos provisionais, moitas delas medias xornadas, permisos de maternidade ou paternidade, reducións de xornada, accidentes laborais, permisos por coidado de menores de 8 anos sen retribuír, excedencias, permisos de matrimonio, substitucións de persoas que pasan a desempeñar asesorías na Consellaría ou licenzas por asuntos propios tamén sen soldo.
Esa é por exemplo a radiografía das 176 vacantes aínda pendentes que había onte, noveno día de curso, das cales 142 eran do corpo de profesorado de secundaria e dentro das cales só 58 eran baixas médicas, polo que a proporción destas non é tan relevante. O que si é relevante é que a estas alturas aínda haxa alumnado sen eses 176 docentes nas aulas.
Apropiación de programas financiados externamente como propios
Por outra banda, Arroxo tamén cuestionou que a Xunta intente vender como iniciativas propias programas que están sendo financiados desde hai tres anos con fondos europeos a través do Ministerio. A respecto do anuncio realizado onte polo presidente Rueda sobre os programas Avanza Lectura e Avanza Matemáticas en Primaria a secretaria nacional indicou que Galiza leva recibindo nos últimos tres anos 6.588.374 millóns de euros para reforzar a competencia lectora e 16.789.594 para reforzar a competencia matemática.
A pregunta debería ser, para a secretaria nacional de CIG-Ensino, “onde se meteron estes recursos nos últimos dous anos porque é a primeira vez que a Consellaría de Educación parece que os vai gastar para o que o foron concibidos. Este mesmo ano son máis de 6 millóns e medio para matemáticas e máis de 3,1 millóns para lectura”, formulou.
Neste sentido referiuse ao Plan Mega que tamén bebe destes fondos europeos e que son resultado das partidas destinadas a educación inclusiva. “O conselleiro di que o Ministerio convida e non paga pero a realidade é que Galiza leva recibidos máis de 1.646 millóns de euros nos últimos 8 anos para Proa, Mega, reforzo de competencia matemática e lectora...
Concentración ante a propaganda e a falta de recursos nos centros
En resposta a toda esta campaña de desprestixio, por unha banda, e de propaganda obscena, pola outra, co suposto incremento de profesorado este curso, a CIG-Ensino anima a familias, alumnado e profesorado a concentrarse mañá, mércores, ás 16:30 horas diante do Edificio Fontán na Cidade da Cultura coincidindo coa comparecencia do conselleiro de Educación no Consello Escolar de Galiza.
“Ante o ritual de todos os anos que é chegar a este órgano consultivo, vender por enésima vez a cifra irreal de 956 docentes máis de Secundaria e marchar, animamos a toda a comunidade educativa a concentrarse esixindo máis recursos”, afirmou Laura Arroxo.
Neste sentido, a secretaria nacional da CIG-Ensino advertiu de que “non é certo que os problemas se cingan a dous centros en Galiza. A semana pasada demos conta de numerosas incidencias en centros de toda Galiza e a día de hoxe sabemos de moitas máis”.
Xunto a isto, Arroxo insistiu en reclamar explicacións ao conselleiro “para que diga en que centros está ese profesorado a maiores, onde están os 100 especialistas máis de Pedagoxía Terapéutica nos institutos, por exemplo, porque non temos constancia deles”.
A secretaria nacional da CIG-Ensino defendeu tamén os datos manexados pola organización e afirmou que “a CIG non mente nin manipula. Dá datos da adxudicación de destinos provisionais. A primeira cifra que demos foi despois da publicación da resolución provisional en xullo e só había un incremento de 396 docentes máis a respecto do curso pasado”.
“Despois da adxudicación definitiva volvemos facer un estudo das prazas provisionais e pasaron a 591”, explicou Arroxo, quen engadiu que “isto é habitual, pero tamén se non existira a nosa denuncia igual non había ese incremento”.
A continuación, advertiu de que “destas prazas provisionais non todas son de profesorado a maiores. Aquí hai funcionariado de carreira que ocupa provisionalmente este curso unha praza porque ten unha comisión de saúde ou de concilia, docentes que aprobaron a oposición non teñen aínda o seu primeiro destino definitivo, funcionariado en prácticas...”.
Pero, segundo explicou, “se houbera eses 956 máis, aínda que o domingo xa matizou que eran 777, só en Secundaria as cifras de adxudicacións serían moitas máis” e concluíu insistindo na cuestión das cifras de alumnado e profesorado: “E insistimos: cando fala de máis docentes con menos alumnado, conta o profesorado de FP pero non computa o alumnado destas ensinanzas que, por certo, aínda pode seguir matriculándose ata o día 25, polo que realmente é a Consellaría a que manipula as cifras segundo lle convén”.