CIG-Ensino reitera a exixencia de negociar as prazas de ingreso, tanto de concurso como de oposición

Reclama transparencia e axilidade para negociar todos os postos
Nacional - 12 Xan 2022

“Non se pode negociar a cegas e por partes”. Con esta expresión pode resumirse a resposta que a CIG, sindicato maioritario no ensino público galego, lanza despois de coñecer a decisión da Consellaría de Educación de convocar oposicións neste ano 2022 para cubrir as prazas de reposición destes dous últimos anos.

Nunha comparecencia para os medios, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, mostrouse especialmente crítico co Ministerio de Educación en toda a tramitación da modificación da norma que rexe o ingreso á docencia no ensino público ao considerar que non se tivo en conta as achegas do sindicato  e que claramente melloraban a proposta inicial que, pola información que existe, tampouco contenta ás comunidades autónomas que van ter que aplicar os efectos dos cambios no RD.

“O mundo ao revés é que un Ministerio que só xestiona o profesorado de Ceuta e Melilla impoña unilateralmente un cambio tan importante nun sector no que as competencias están transferidas. Isto non fai máis que reafirmar a nosa convicción  de que a mellor norma estatal é a que non existe”, declarou o secretario nacional.

As críticas estendéronse a organizacións sindicais como CCOO, UGT e CSIF que cos seus pactos e entregas provocan que o profesorado galego e o conxunto de persoas aspirantes a selo sufran as consecuencias de se teren entregado ao goberno español sen pensar nas consecuencias.

Todas as prazas, a negociación

Tendo en conta a situación creada pola actuación do Ministerio e tras as declaracións do conselleiro, o sindicato considera como unha condición sine qua non poñer enriba da mesa todas as cifras que darán lugar aos diferentes procesos selectivos.

Neste sentido, “a CIG-Ensino ten moi claro que a mellor opción para dar resposta tanto ao persoal interino con longas interinidades como aquel con escasa antigüidade, así como a quen nunca traballou, é que as ofertas de procesos selectivos sexan diferenciadas e en ambos casos con ofertas amplas que cumpran cunha serie de condicións”, subliñou Bermello.

Estas condicións, engadiu, son as seguintes:

Prazas de reposición (xubilacións etc): sistema ordinario de oposición regulado no RD 276/2007. A CIG-Ensino foi o único sindicato que propuxo cambios neste sistema ao considerar que se debían introducir melloras xa para estas convocatorias, mais o Ministerio non atendeu as nosas demandas. A oferta anunciada debe contar con estas prazas.

Prazas de estabilización (concurso de méritos excepcional). Unha vez que está pechada pola Lei 20/2021 toda opción de cambio sobre o sistema de concurso, que a CIG-Ensino non considera como mellor opción, o obxectivo debe ser garantir o maior número posíbel de prazas.

Malia o compromiso expresado pola dirección xeral de centros e Recursos Humanos de que a cifra de prazas non se vai ver afectada polas oposicións ordinarias, o dato avanzado polo conselleiro de que sería entre 500 e 600 prazas, indica -segundo un estudo realizado pola CIG-Ensino da evolución das prazas provisionais desde 2015- que a Consellaría optaría por un criterio restritivo “co que estamos en desacordo: computar as prazas ocupadas por persoal interino que se mantiveron como temporais desde antes de xaneiro de 2016”.

Tendo en conta o sistema de adxudicación de destinos provisionais e o efectos dos concursos de traslados, salientou, esta cifra “é produto dunha enorme arbitrariedade”, xa que unha praza temporal pode estar ocupada un curso por unha interina e o ano seguinte por un funcionario de carreira en expectativa. De aí que a CIG-Ensino defenda un criterio diferente que, polo informe interno do sindicato, duplicaría as prazas a ofertar por concurso.

Prazas de estabilización (concurso oposición extraordinario). Este aparece regulado no borrador do RD e é o que, ao unirse coas prazas de reposición, provoca todo tipo de incertezas de carácter legal, algo que a CIG-Ensino xa trasladou ao Ministerio e que agora a Consellaría tamén asume.

Os datos dos que dispón o sindicato indican que estas prazas serían moitas menos que as do concurso de méritos e para o sindicato deberían terse sumado a ese outro sistema excepcional do concurso, simplificando dúas vías de acceso e sen mesturar prazas de diferentes natureza (sempre pola limitacións da Lei 20/2021).

Por iso, na comparecencia, Bermello xa adiantou que o sindicato “non dará o seu apoio a ningunha proposta de reparto por especialidades na Mesa Sectorial que previamente non teña en conta unha negociación conxunta e global das prazas dos diferentes procesos (concurso, oposición)”.

A CIG-Ensino demandará un estudo pormenorizado do persoal interino en activo por especialidades e con información dos anos de antigüidade, ao tempo que solicitará que a oferta de prazas para as oposicións a convocar este mesmo mes teñan en conta o resto das prazas a concurso e a situación daquelas especialidades nas que unha oferta desequilibrada pode levar ao paro a docentes interinos de longa temporalidade.