CIG-Industria concéntranse en apoio a un delegado de Gabadi despedido e denuncia a elevada temporalidade nesta empresa

A Federación critica que a compañía practica unha “rotación endiañada” para que o persoal non consiga antigüidade, seguridade, nin dereitos

A Coruña -

A CIG-Industria realizou unha concentración diante do SMAC de Ferrol en apoio a un delegado da central nacionalista en Gabadi despedido e, ao  tempo, para denunciar a elevada precariedade que afecta os traballadores e traballadoras da comarca, nomeadamente ao persoal desta auxiliar do naval, na que “só un 25% do seu persoal é indefinido”.

A protesta desenvolveuse coincidindo co acto de conciliación, que rematou sen avinza, polo que agora a loita pola readmisión do compañeiro continúa pola vía xudicial.

Durante a concentración, o Secretario Comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, explicou que Gabadi conta cun cadro de persoal de máis de 200 traballadores/as, unha carteira de pedidos nacionais e internacionais moi estábel nos últimos anos, e ten previsión de manter o mesmo nivel de contratación no futuro. Porén, “só un 25% do seu persoal é indefinido”, denunciou.

A dirección, engade, somete ao persoal a unha rotación “endiañada” para que non consiga antigüidade, seguridade, nin dereitos. Para evitar ter que facer indefinido ao persoal a empresa fainos pasar polo paro “un mínimo de 6 meses cada 18 meses. Ese é o caso que están a xulgar aquí hoxe”, apunta. Nesta carreira por sortear a lexislación laboral, explica Vidal, Gabadi mesmo recorre “a cambiar os traballadores para outras empresa do grupo”.

Estas prácticas, que cualificou de “abusivas e fraudulentas”, son ilegais, tal e como ditaminou a Inspección Provincial de Traballo nunha acta de infracción contra a empresa.

Dificultades no proceso de elección sindicais

O Secretario comarcal da CIG-Industria destacou que esta rotación do persoal, e a falta de traballadores/as con antigüidade, tamén dificulta o proceso de eleccións sindicais, “de maneira que moi poucos operarios/as podan presentarse con garantías de non seren represaliados”.

Neste senso, censurou que as empresas se aproveiten das facilidades introducidas polas reformas laborais para precarizar a clase traballadora, mais tamén “para extorsionala no eido individual e tamén no colectivo, conseguindo a través da ameaza e o medo, mesmo influír na constitución de comités de empresa e no seu labor”.

Unha actuación que, reiterou, vai claramente contra os principios da democracia, xa que o obxectivo “é mermar a capacidade de resposta do persoal fronte a aquelas decisións da dirección que atacan os seus dereitos”.

Ante isto, Vidal aseverou que  CIG seguirá insistindo “en tronzar este círculo vicioso, e demandando do resto de sindicatos unha aposta por este camiño, pois, defender as compañeiros e os compañeiros electos polos traballadores/as é defender os dereitos de todos/as”.

Volver