CIG-Industria incide en que a recuperación do naval comeza por parar o ERTE de Barreras e conseguir carga de traballo

Trasladoulle á ASIME a necesidade de mellorar as condicións para reter o persoal cualificado

Vigo -

Este martes tivo lugar unha xuntanza entre as organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT e a patronal ASIME para tratar a problemática do naval na Ría de Vigo. Unha reunión que para o secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández chega "moi tarde", tendo en conta que a central nacionalista leva anos advertindo da profunda crise que atravesa o sector "que o pon en grave risco de desaparición".

No encontro, Fernández trasladoulle á patronal que ten que facer do naval un sector atractivo para evitar a fuga de traballadores e traballadoras e poder recuperar o persoal cualificado que emigrou na procura dunhas condicións laborais dignas e dunha estabilidade que aquí non atopaba.

Algo que, engadiu, "non é posíbel se continúan asinándose convenios que empobrecen e deterioran as condicións laborais e salariais e que se ceban cos compañeiros e as compañeiras máis precarizadas, como aconteceu na negociación do último convenio, no que ASIME impuxo as súas condicións e algunhas centrais entraron a avalarlle ese xogo".

Paralizar o ERTE de Barreras e solucións para Vulcano

Para encetar a revitalización desta industria, expuxo, cómpre paralizar o ERTE de Barreras "xa que a súa aplicación aboca irremediabelmente á desaparición deste estaleiro", e darlle carga de traballo a un estaleiro centenario como a antiga Vulcano, "que se está deixando morrer con complicidades manifestas" e co Porto de Vigo dándolle a puntada final "ao impedir o desenvolvemento da pouca actividade que aínda ten en reparación e construción".

Xunto a isto, o secretario da CIG-Industria demandou o cese da represión sindical iniciada "contra compañeiros e compañeiras que están decididamente loitando pola non desaparición dos seus postos de traballo e por salvar o naval na ría de Vigo". Unha persecución exemplificada no inxusto despedimento do delegado da CIG en Barreras, Rafa Pérez.

Intervención decidida das administracións

Neste camiño de recuperación, Fernández reclamou o apoio decidido do goberno estatal e da Xunta de Galiza na defensa do naval. "As administracións teñen que intervir decididamente como única solución para manter este sector chave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía do país", aseverou.

Lembrou que a CIG ten solicitado á ministra de Industria e ao conselleiro de Economía a constitución da Mesa do Naval da Ría de Vigo na que abordar as solucións urxentes e concretas que precisa o sector.

Unir o sector baixo as mesmas reivindicacións

O responsábel da CIG-Industria de Vigo reiterou o chamamento a intensificar as mobilizacións en demanda de viabilidade e carga de traballo para o naval e apelou ao resto de organizacións sindicais a aceptar a unidade en base a cinco puntos fundamentais: paralizar o ERTE de Barreras, esixir o cese da represión e a readmisión do persoal despedido, a creación da Mesa do Naval, demandar carga de traballo e concretar un calendario de mobilizacións que se prolongue no tempo e que inclúa todas as folgas e accións necesarias para levar adiante estas demandas, "porque hoxe máis que nunca é necesario deixar de lado os protagonismos e que o sector estea unido baixo as mesmas reivindicacións". 

Volver