A CIG rexeita o I Acordo marco estatal do comercio e distribución de alimentación por ser un “atraco" ao persoal do sector

A federación de Servizos presentará as impugnacións necesarias para defender a negociación provincial e os convenios existentes
Nacional - 16 Xul 2026

A CIG-Servizos rexeita a sinatura do I Acordo marco estatal do sector de distribución comercial de alimentación impulsada pola patronal ASEDAS -na que están asociadas, entre outras, empresas como Mercadona, Lidl, DIA Aldi, Gadis ou Froiz- e a Confederación Española de Comercio (CEC). Para a central nacionalista, o pactado no día de onte, mércores 15 de xullo, no SIMA en Madrid, pola patronal, CCOO, UGT e FETICO constitúe “un novo atraco á clase traballadora galega” e, en especial, ás traballadoras e traballadores do sector do comercio de alimentación.

Carlos Alján, secretario nacional da CIG-Servizos, recalca que “este acordo, que tanto se afanan os asinantes en disfrazar como unicamente de regulación de estrutura da negociación colectiva, recolle expresamente que os convenios de empresa terán prioridade aplicativa aínda que estabelezan peores condicións salariais que os sectoriais, algo que vai en contra do regulado polo Estatuto das Persoas Traballadoras”.

A CIG solicitou que Galiza quede fóra do ámbito de afectación e negociar un marco galego que protexa os convenios provinciais

Apunta que tamén quedou plasmado que calquera materia é susceptíbel de ser negociada dentro deste novo acordo marco, “polo que en calquera momento cuestións como xornada, salarios, licenzas, etc., poden ser obxecto de negociación en Madrid, o que fará que perdamos capacidade de negociación ao quedar reservadas esas materias ao ámbito estatal, afastando e limitando a capacidade de decisión das persoas traballadoras sobre elas”.

A CIG mantivo en todas as reunións realizadas unha posición contraria a que se abrise este novo marco regulatorio ao considerar que só vai servir para empeorar as condicións de traballo do persoal do sector. A central sindical solicitou que se deixase Galiza fóra do ámbito de afectación, así como que se iniciase aquí a negociación dun Convenio Galego ou Acordo Marco Galego que protexa e garanta a prioridade aplicativa dos convenios provinciais existentes.

“Este novo ataque a clase traballadora galega por parte da patronal, que conta cos parabéns necesarios dos grandes sindicatos estatais, forma parte dunha estratexia para deixar fóra a CIG das mesas de negociación, afastando esta dos centros de traballo, limitando e mesmo impedindo así a nosa participación e polo tanto a defensa e mellora das condicións laborais e salariais da clase traballadora galega”, denuncia Alján.

A CIG-Servizos estudará xuridicamente o acordo asinado e adiante que presentará as impugnacións que sexan necesarias para defender a negociación provincial e os convenios existentes.