CIG-Saúde da Mariña alerta da presenza de persoal non cualificado na clínica concertada de fisioterapia

Denuncian que JR Meilán incumpre o concerto e pídenlle á Consellaría que investigue estes feitos

Burela -

A CIG-Saúde da Mariña lembra que o SERGAS ten concertada coa clínica privada JR Meilán determinados servizos de fisioterapia, mais a empresa non está cumprindo o contrato. "Durante a mañá deste mércores diversos usuarios e usuarias puxéronse en contacto con este sindicato e queixáronse de que recibiron tratamento de fisioterapia por persoal non cualificado", denuncian.

A este respecto, subliñan que no caso do persoal médico aconsellar tratamento  rehabilitador a un ou unha paciente, debe ser un ou unha fisioterapeuta quen o realice, “porque é legalmente  a persoa especialista encargada diso e quen fixo unha carreira con esa fin”. “Quen utiliza as técnicas propias do persoal de fisioterapia, sen ser fisioterapeuta colexiado, pon en risco a saúde dos/as pacientes, porque carece dos coñecementos, experiencia e habilitación legal necesarias para tratalos/as”, afirman.

Ao mesmo tempo, dende CIG-Saúde da Mariña advirten da desigualdade na asistencia entre aqueles/as doentes que reciben fisioterapia por profesionais capacitados no Hospital da Costa e os centros de saúde, e aqueles que son derivados a esta clínica concertada.

Investigar que sucede co concerto

Desde o sindicato nacionalista entenden que o SERGAS "debería investigar que é o que está sucedendo con esta clínica concertada, porque xa se lle puxo en alerta en varias ocasións, e proceder a rescindirlle o contrato".

CIG-Saúde pregúntase para que contratar e pagar a unha empresa por un servizo que non presta, cando “eses cartos poderían ser destinados a reforzar e mellorar a fisioterapia na sanidade pública, tanto no Hospital da Mariña como nos distintos centros de saúde que se atopan infrautilizados”.

Volver