CIG-Saúde aclara que todas as facultativas/os da Atención Primaria xa teñen unha especialidade médica

Esixe a Feijoo unha desculpa pública e que deixe de confundir anunciando categorías que precarizan aínda máis as condicións de traballo

Nacional -

Ante as declaracións do presidente da Xunta no Pleno do Parlamento deste mércores, a CIG-Saúde esixe a Alberto Núñez Feijoo que se desculpe publicamente con todo o persoal médico de Atención Primaria e deixe de confundir a poboación facéndolle crer que até agora estes/as facultativos/as non tiñan especialidade médica.

A CIG-Saúde aclara que a OPE anunciada por Feijoo non é a primeira que se convoca para médicos e médicas especialistas de Atención Primaria, posto que dende o ano 1995 todos os facultativos e as facultativas que acceden a unha praza neste chanzo da sanidade teñen que ter a especialidade correspondente.

Dende 1995 todos os facultativos e facultativas que acceden a unha praza na Atención Primaria teñen que ter a especialidade de e Medicina Familiar

De feito, o título de médico/a especialista de Medicina Familiar e Comunitaria xa se creou a través do Real Decreto 3303 de 1978, iniciando así unha formación específica neste ámbito. Posteriormente, a través da directiva europea 86/457/CEE, esta especialidade foi implantada con carácter xeral en todos os estados membros da UE.

"A poboación ten que saber que está recibindo asistencia sanitaria a través de profesionais especialistas dende esta data. Para poder presentarse ás oposicións convocadas dende 1995 para o acceso aos postos de médico e médica da familia, é obrigatorio ser especialista en Medicina Familiar e Comunitaria", incide María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, quen denuncia este novo intento de Feijoo de apuntarse un tanto a base de mentiras. 

Ademais, os e as profesionais que entraron no sistema antes desa data tiveron que pasar tamén un proceso con horas de formación e realizar unha proba selectiva para conseguir a certificación ou equiparación nesta especialidade.

A este respecto, Abuín aclara que a través da OPE que onte anunciou Feijoo no Parlamento non se están a crear novas prazas tan necesarias para reforzar a Atención Primaria, senón que estes postos xa existen na actualidade, pero ou están ocupados de forma temporal (por persoal interino ou con contratos eventuais) o están vacantes "porque o SERGAS é incapaz de atopar profesionais para cubrilas".

A OPE anunciada por Feijoo non crea novas prazas, senón que estes postos xa existen na actualidade pero están ocupados de forma temporal ou vacantes

Unha falta de profesionais, engade a secretaria da CIG-Saúde, que deriva da política laboral de maltrato que a Xunta do PP leva aplicando dende hai máis dunha década, condenando os e as profesionais a encadear contratos precarios, por días e incluso horas, sen garantir unhas condicións dignas e moito menos unha estabilidade. A consecuencia destas prácticas é a fuxida do persoal cara a outros territorios ou o sector privado onde lles ofrecen unha estabilidade e unhas condicións ás que no SERGAS non teñen opción.

A OPE anunciada afonda na precariedade

Relacionado con isto, María Xosé Abuín tamén matiza as afirmacións de Feijoo cando di que se acaba de crear esta nova especialidade de médicos/as en Atención Primaria. "O que creou Feijoo mediante a lei de medidas de acompañamento dos Orzamentos foi un posto de traballo de medicina de familia para precarizar as condicións laborais, implantando un único posto de traballo para dar cobertura a dous postos distintos: o das consultas de Atención Primaria ordinaria e o de PAC, cun recorte importante nas retribucións que viña percibindo este persoal".

Pois o persoal que acceda a este novo posto deixará de percibir a retribución correspondente que existe actualmente nos PAC sobre o valor hora da xornada e a compensación pola atención continuada, por noites, domingos e festivos. "Iso é o que fai Feijoo, recortar as condicións laborais", asevera.

"Reiteramos que Feijoo ten que pedir desculpas a todos os médicos e médicas de familia, recoñecer que estes/as profesionais xa son especialistas, deixar de mentir e confundir a poboación e facer unha aposta real por mellorar a Atención Primaria cun reforzo dos cadros de persoal en todas as categorías e destinando os orzamentos necesarios", conclúe Abuín.

Volver